Recurso de Reposición presentado ao Tribunal do concurso-oposición do Sergas
Data: Abril 23, 2024

Por Resolución da Dirección Xeral de Recursos Humanos de data 18 de xuño de 2021 (Diario Oficial de Galicia núm. 126, do 5 de xullo) procedeuse á Convocatoria e á aprobación das Bases para ordenar o proceso selectivo para o ingreso mediante concurso-oposición na categoría profesional de Traballo Social.

O Colexio de Traballo Social de Galicia vén de presentar un recurso de reposición ao Tribunal do Sergas respecto a esta convocatoria, expoñendo os seguintes motivos:

  • Unha vez realizada a comprobación pertinente por parte do COTSG do cumprimento dos requisitos legalmente esixidos dos membros do Tribunal de Avaliación seleccionado para a categoría de Traballo Social, advírtese que unha das persoas escollidas non consta formalmente colexiada no Colexio Oficial de Traballo Social de Galicia, deste xeito incurrese na vulneración dunha obrigación legalmente imposta, estar colexiado/a. 
  • Consideramos que dificilmente pode conxeniar o efectivo cumprimento dos principios constitucionais de acceso ao emprego público, se dende a propia Administración convocante non se garante o cumprimento das obrigacións legais impostas aos membros dos Tribunais e Avaliación que selecciona, non podendo considerarse a falta de colexiación como unha cuestión menor, xa que resulta un requisito indispensable para que poda exercer validamente e con todas as garantías a súa profesión, atopándose sometido aos principios éticos e deontolóxicos, así como baixo as competencias colexiais de ordenación da profesión e de responsabilidade disciplinaria, o que se conecta directamente coa esixencia legal de profesionalidade e imparcialidade aos membros dos órganos de selección.