O traballo social galego reivindica a súa contribución ao Estado do Benestar nunha Gala en Santiago
Data: Abril 20, 2024

O Colexio Oficial de Traballo Social de Galicia (COTSG) cumpre 40 anos. A entidade celebrou este percorrido de colexiación no Teatro Principal de Santiago de Compostela cunha gran gala do Traballo Social. Máis de 200 persoas colexiadas ateigaron o recinto o pasado venres, 31 de marzo.

Lucía Aldao e María Lado, máis coñecidas como Aldaolado, foron as encargadas de conducir o evento. Ademais da presidenta do COTSG, Miriam Rodríguez, interviu a presidenta do Consejo General del Trabajo Social, Emiliana Vicente, quen destacou a función do Traballo Social como a intervención coas persoas: “o sistema público de Servicios Sociales está inmerso en el prestacionismo, las profesionales del Trabajo Social están sepultadas entre prestaciones y papeles. Esto desvirtúa la esencia de nuestra profesión que es la intervención con las personas”.

Durante a súa intervención, Rodríguez reivindicou que “o traballo social nace como unha profesión de acompañamento ás persoas, grupos e comunidades”. A isto contrapuxo a situación actual na que os profesionais do traballo social son “elementos de control e expendedores de recursos” o que xera “gran frustración”. Noutra liña, Rodríguez subliñou que aínda que durante a pandemia o colectivo foi recoñecido “como traballadores esenciais” isto “non se plasmou na realidade en Galicia onde seguimos a ter equipos infradotados e nos atopamos con precariedade nas contratación e pouca vertebración en servizos como o sociosanitario”.

Durante a Gala sucedeuse a idea de que “sen o traballo social non hai equidade, xustiza social nin Estado do Benestar”.

Na Gala proxectouse un documental centrado na historia do Traballo Social en Galicia coas primeiras traballadoras sociais do posfranquismo (daquela, asistentas sociais), como protagonistas.