O COTSG presenta a campaña “Máis Servizos Públicos e Menos Bonos” para reclamar á Xunta unha solución estrutural á dependencia
Data: Maio 6, 2024

O Colexio Oficial de Traballo Social de Galicia (COTSG) presenta a campaña “Máis servizos públicos e menos bonos”, coa que reclama á Xunta de Galicia unha solución estrutural aos atrasos na tramitación dos graos de dependencia, así como un maior investimento dos recursos públicos neste eido.  

A campaña do COTSG critica o bono “coidado no fogar”, recentemente anunciado pola Xunta de Galicia. Segundo os anuncios do Goberno autonómico, o bono consiste nun pago anual de 5.000 euros para coidar a persoas con dependencia recoñecida no seu fogar. O COTSG considera estes bonos unha medida puntual, que non solucionarán o problema estrutural que sofre o sistema de dependencia galego. 

Unha medida puntual que non asegura o futuro do sistema de dependencia 

“Entendemos que para a cidadanía poida resultar atractivo percibir, de súpeto, 5.000 euros. Pero é unha medida puntual que non asegura que no futuro se invista no sistema de dependencia: seguirán os atrasos na valoración da dependencia, non haberá máis prazas nas residencias públicas e o servizo de axuda no fogar continuará sendo moi limitado”, denuncia a presidenta do COTSG, Miriam Rodríguez.  

Segundo o COTSG, os servizos máis demandados actualmente polas persoas dependentes son as residencias públicas e o servizo de axuda no fogar (SAF). “Ambos son servizos públicos, que non se substitúen cun bono puntual de 5.000 euros. O bono fomenta a privatización, en lugar de investir en servizos públicos de calidade, como as residencias ou o SAF”, engade a presidenta.  

Falta de información e sobrecarga de traballo 

Doutra banda, o COTSG critica que a Xunta non informou aos profesionais do Traballo Social sobre os trámites exactos para solicitar este bono. “A Xunta lanzou unha gran campaña para anunciar o seu bono entre a cidadanía, sen informar previamente ás traballadoras/es sociais. Na propia campaña, indícase que os traballadores sociais «axudarán» a solicitar o bono, cando a Xunta non informou aos profesionais dos trámites”, sinala a presidenta, recordando “o colapso que estes anuncios sen concrecións supoñen nos servizos sociais”. 

Por último, o COTSG denuncia tamén a sobrecarga de traballo nos órganos de valoración da dependencia, que se suman ao colapso actual dos servizos sociais comunitarios e de saúde.  

“Isto provoca un dobre problema: estrés nos profesionais, moitos deles traballadores/as sociais; e persoas que non poden percibir as axudas que lles corresponden. En lugar de ampliar o persoal para evitar os atrasos e que as persoas dependentes perciban os servizos necesarios, a Xunta outorga cheques puntuais e ambiguos ”, finalizan. 

Neste sentido, o COTSG vén de solicitar unha reunión á Xunta de Galicia para trasladarlle a necesidade de informar ás profesionais do Traballo Social e analizar novas vías de coordinación para evitar este tipo de situacións.