O COTSG participa na mesa de servizos sociais públicos na convención política do PSdeG en Santiago
Data: Maio 6, 2024

O Colexio Oficial de Traballo Social de Galicia (COTSG) participou a pasada fin de semana na Convención Política do PSdeG-PSOE en Santiago de Compostela. Concretamente, o colexio profesional sumouse como un dos axentes sociais convidados á mesa de servizos sociais públicos.

A presidenta do COTSG, Miriam Rodríguez, deu conta da situación que atravesan os servizos sociais galegos, cunha especial sobrecarga de traballo no que respecta á profesión do Traballo Social, onde os profesionais sofren unha situación de desgaste. Neste sentido, a presidenta reivindicou a necesidade dun pacto político, polo reforzo destes servizos, que recupere o carácter preventivo e de proximidade dos mesmos de cara á comunidade e á sociedade.

A representante do colexio insistiu na necesidade dunha reforma estrutural do sistema, que garanta un cambio urxente para a supervivencia dos servizos sociais. Rodríguez denunciou tamén a situación de privatización progresiva do sistema de dependencia,, unha denuncia que o COTSG articulou a pasada semana coa campaña “Máis Servizos e Menos Bonos”.

Nesta liña, a presidenta do COTSG insistiu nas dificultades das persoas usuarias para acceder a recursos de calidade, especialmente na zona rural. Rodríguez recordou a importancia da zona rural na sociedade galega, onde escasean este tipo de recursos sociais, que tradicionalmente foron protectores da prevención da soidade e da saúde.

Dende o COTSG, agradécese ao PSOE a invitación a este evento, a cuxos representantes fíxose entrega dun exemplar do novo modelo do sistema público de servizos sociais que defende o Traballo Social.