O COTSG logra o apoio de Besteiro (PSdeG) á campaña #MaisServizosMenosBonos
Data: Maio 4, 2024

Ante a proximidade das vindeiras eleccións autonómicas en Galicia, o Colexio Oficial de Traballo Social de Galicia (COTSG) continúa co seu compromiso de manter encontros cos distintos partidos que concorren ás urnas. Nesta ocasión, as representantes do colexio mantiveron unha reunión con José Ramón Gómez Besteiro, candidato do PSdeG, nas instalacións do colexio en Compostela.

O Colexio trasladoulle ao candidato socialista os retos e desafíos que enfronta o sistema de servizos sociais en Galicia, destacando a escaseza de recursos, a necesidade de investimento, a falta de equipamento e os déficits nos plans de coordinación. Neste contexto, o COTSG transmitiu ao candidato a necesidade de adoptar medidas urxentes para mitigar esta situación de crise.

Un dos puntos destacados do encontro foi a presentación e a solicitude de apoio por parte de Gómez Besteiro á campaña #MaisServizosMenosBonos, impulsada polo Colexio para lograr unha solución estrutural á crise que afecta ao sistema de dependencia en Galicia. Neste sentido, o candidato socialista comprometeu o seu apoio ás demandas do colexio en materia de dependencia. 

A representación do COTSG estivo liderada pola súa presidenta, Miriam Rodríguez, quen expresou a importancia de traballar conxuntamente coas distintas forzas políticas para avanzar cara a unha mellora nos servizos sociais na nosa comunidade.