O COTSG e a Xunta renovan o convenio da Garda Social Permanente para Mulleres Vítimas da Violencia Machista
Data: Abril 18, 2024

O Colexio Oficial de Traballo Social de Galicia (COTSG) e a Xunta de Galicia renovaron o 3 de xuño o convenio que regula a Quenda de Garda Social Permamente para mulleres vítimas da violencia machista, os seus fillos e fillas menores e persoas dependentes ao seu cargo. Desta maneira, seguirá operativo este servizo pioneiro que posibilita unha intervención inmediata e de carácter especializado, desde o ámbito do Traballo Social, para un acompañamento social de urxencia. O convenio orixinal que botou  a andar a Quenda asinouse hai dous anos, en maio de 2019.

A Quenda é un servizo público de balde que debe ser activado por Forzas e Corpos de Seguridade, así como por Xulgados con competencias en materia de violencia de xénero. Debe activarse sempre que a muller afectada solicite unha intervención en traballo social ou en situacións de especial urxencia como o momento posterior a un incidente violento ou agresión, ou se existe risco nese sentido. Non require a presentación dunha denuncia previa e só é necesaria unha chamada ao Teléfono de Información ás Mulleres (900 400 273), sempre co consentemento da muller que vén de sufrir violencia de xénero. Pode activarse a calquera hora os 365 días do ano e en calquera punto de Galicia.

Desde o COTSG lembran que é recomendable activar a Quenda en todos os casos de primeira denuncia, xa que a muller afectada non tivo contacto previo co sistema integral de asistencia e carece de información sobre o procedemento e recursos. Tamén no caso de mulleres acompañadas por menores ou persoas dependentes, ou cando concorran factores de risco asociados como poden ser as adiccións.

Activación
O procedemento polo que se activa a Quenda é rápido e simple. Unha chamada por parte dos Xulgados con competencia en violencia de xénero ou por parte das Forzas e Corpos de Seguridade ao Teléfono de Información ás Mulleres, 900 400 273, que funciona 24 horas diarias e os 365 días do ano, activará o mecanismo. Dende o Teléfono de Información avisarase á persoa de garda na Quenda, sempre profesional colexiado do Traballo Social con competencia acreditada no ámbito, que inmediatamente acudirá ao lugar sinalado.

Delitos sexuais
A Quenda pode activarse ante calquera tipo de violencia de xénero, o que inclúe os delitos sexuais. Dende o COTSG lembran que o recentemente publicado Informe sobre as violencias sexuais 2020 por parte da Xunta de Galicia recolle  554 agresións sexuais cometidas na Comunidade Autonoma Galega durante o ano pasado e que esta Quenda ten entre as súas funcións dar resposta inmediata ás mulleres que sofren esta realidade.