O Colexio de Traballo Social de Galicia solicita á Xunta de Galicia a homoxeneidade de todas as persoas afectadas polas contías reclamadas como cobro indebido ás persoas beneficiarias de RISGA que lles foi recoñecido o dereito ao Ingreso Mínimo Vital (IMV).
Data: Abril 20, 2024

O Colexio Oficial de Traballo Social de Galicia ten constancia da problemática xurdida en relación coas incompatibilidades sobrevidas da prestación da Renda de Inclusión Social de Galicia ás persoas beneficiarias do Ingreso Mínimo Vital, nos supostos nos que a resolución desta última prestación sufrira demoras na súa tramitación e final concesión.

Os inconvenientes están a xurdir nos supostos nos que as persoas beneficiarias da RISGA solicitan a prestación do IMV e, mentres non se resolve sobre a súa concesión  ou denegación en virtude dos requisitos establecidos na Lei 19/2021, do 20 de decembro, pola que se establece o ingreso mínimo vital, continúan a percibir a Renda de Inclusión Social, o que pode implicar a súa recepción durante varias mensualidades. Esta situación provoca a circunstancia de que, se é resolta favorablemente a concesión do IMV, a Dirección Xeral de Inclusión Social solicite o reintegro das contías percibidas da RISGA ao resultar, como expuxemos, incompatibles ambas prestacións, o que pode supoñer a petición de devolución de importes que superan os 4.000 euros.

Tal e como ven resolvendo recentemente os Xulgados do Contencioso-Administrativo nesta materia, e en virtude do disposto no artigo 42.2 da Lei 10/2013, do 27 de novembro, soamente procederá o reintegro das cantidades indebidamente percibidas da prestación da RISGA cando as persoas beneficiarias ocultaran ou falsearan datos. Polo contrario, cando por causas non imputables ás persoas beneficiarias se perciban cantidades ás que non se tivese dereito, aplicarase a compensación das contías como procedemento ordinario de regularización. Existe a maiores un suposto excepcional que pode acaecer cando existan menores na unidade de convivencia, onde ditas cantidades poderán ser condonadas en función das circunstancias económicas concorrentes.

Entendemos que nos supostos aquí analizados as persoas beneficiarias non ocultan nin falsean ningún dato, nin tampouco incumpren as súas obrigas con relación á percepción da RISGA, xa que no momento de solicitar o outorgamento do IMV, loxicamente, descoñecen se finalmente lle vai a ser concedida esta prestación, a contía que no seu caso lle corresponde, así como a data da súa efectividade. Polo que partindo da ausencia de mala fe das persoas beneficiarias, debe de acudirse ao mecanismo da compensación, cando non a da condonación, se as circunstancias do caso así o recomendan.

Desde o COTSG solicitamos  a colaboración da Dirección Xeral de Inclusión Social, co obxectivo de que se adopten todas aquelas medidas para que se efectúe unha interpretación da normativa referenciada de xeito harmonizado no sentido exposto, na procura dun maior reforzo na protección das persoas afectadas que se atopan nunha situación de clara vulnerabilidade, ás que deben de ofrecerse medidas públicas de apoio eficaces e de calidade.