Indicacións desde a Subdirección Xeral de Información sobre Saúde e Epidemioloxía sobre o emprego de máscara no SAF nesta nova fase epidemiolóxica
Data: Marzo 28, 2024

Despois da consulta de varias compañeiras sobre o protocolo a seguir en canto ao emprego da máscara no SAF nesta nova fase epidemiolóxica, o COTSG solicitou maior información, cuxa resposta resumimos a continuación:

Se ben no Real Decreto 286/2022, do 19 de abril, polo que se modifica a obrigatoriedade do uso de máscaras durante a situación de crise sanitaria ocasionada pola COVID-19, non se especifica aos servizos de axuda ao fogar como ámbitos nos que é obrigatorio o uso da máscara, é importante ter en conta que a Estratexia de vixilancia e control frente á COVID-19 tras a fase aguda da pandemia publicada o 23 de marzo de 2022 polo Ministerio de Sanidade e o documento “Vixilancia e control do SARS-CoV-2 na etapa de transición en Galicia” da Dirección Xeral de Saúde Pública, consideran ao persoal traballador destes servizos como persoas relacionadas con ámbitos vulnerables.

Por outro lado, no Real Decreto referido anteriormente reflíctese literalmente que ” os responsables en materia de prevención de riscos laborais, de acordo coa correspondente avaliación de riscos do posto de traballo, poderán determinar as medidas preventivas adecuadas que deban implantarse no lugar de traballo ou en determinados espazos dos centros de traballo, incluído o posible uso de máscaras”. É dicir, o Servizo de Prevención de Riscos Laborais daquelas empresas ou entidades prestadores de servizos de axuda ao fogar que conten con el, poderán establecer a necesidade ou non do uso da máscara en base á vulnerabilidade do traballador/a, a ventilación do entorno laboral e a distancia interpersoal

Se ben o anterior fai referencia á protección do persoal traballador, cómpre ter en conta varios factores polos que é altamente recomendable o emprego da máscara. Por un lado, as características das actividades que desempeñan estes traballadores, que favorecen o establecemento de contactos próximos e prolongados que aumentan o risco de contaxio e a posibilidade de prestar atención en diferentes domicilios o que favorece a transmisibilidade do virus. E por outro lado, o perfil das persoas ás que van destinados estes servizos, por tratarse de persoas vulnerables, con patoloxías crónicas e en moitas ocasións, con deterioro cognitivo ou algún tipo de incapacidades que dificulta o cumprimento das medidas de prevención (hixiene de mans e respiratoria, uso de máscara por parte das persoas atendidas).