O COTSG formaliza a demanda fronte o Decreto 101/2021, do 8 de xullo, polo que se crea a Comisión de Garantía e Avaliación da Eutanasia da Comunidade Autónoma de Galicia
Data: Novembro 26, 2024

O Colexio Oficial de Traballo Social de Galicia ven de formalizar Demanda fronte o Decreto 101/2021, do 8 de xullo, polo que se crea a Comisión de Garantía e Avaliación da Eutanasia da Comunidade Autónoma de Galicia, que pese a que legalmente debe ter un carácter multidisciplinar, prescinde das profesionais do Traballo Social como membros integrantes da Comisión.

A decisión de acurtar a vida ou de decidir poñer fin á mesma é un dereito propio da persoa, cando se dan as circunstancias recollidas na lei, pero existen aspectos sociais, morais, familiares, económicos e mesmo sanitarios nos que o/a Traballador/a Social Sanitario/a contribúe de xeito importante valorando axeitadamente as solicitudes e tendo en conta a complexidade social e sociosanitaria de cada caso, coa finalidade de garantir decisións que respondan da mellor forma posible ás necesidades e desexos obxectivables da persoa.

En virtude do anterior, consideramos que é imprescindible que se conte coa figura do/a Traballador/a Social nas Comisións de Garantías e Avaliación da Eutanasia como profesionais necesarios para un correcto cumprimento das disposicións recollidas na Lei Orgánica 3/2021, do 24 de marzo, de Regulación da Eutanasia.