O Colexio de Traballo Social acusa á Xunta de Galicia de desprotexer ao persoal do Traballo Social e ás persoas usuarias dos servizos sociais ao excluílos do proceso de vacinación
Data: Novembro 27, 2024

O Colexio de Traballo Social acusa á Xunta de Galicia de desprotexer ao persoal do Traballo Social e ás persoas usuarias dos servizos sociais ao excluílos do proceso de vacinación

  • O Colexio Oficial de Traballo Social de Galicia ten reclamado en reiteradas ocasións a urxencia e a necesidade de proceder á vacinación do persoal do Traballo Social que exerce as súas funcións nos servizos sociais, sanitarios e sociosanitarios.
  • Faino con base na Orde SND/295/2020 de marzo de 2020, que recoñece os servizos sociais como esenciais, e na Lei 13/2008 de Servizos Sociais de Galicia que sitúa o Traballo Social como profesional de referencia dos Servizos Sociais.
  •  A Xunta de Galicia, porén, responde ás reclamacións do Colexio profesional negando a categoría de persoal esencial ao conxunto de traballadoras e traballadores sociais dos servizos sociais. Esta resposta da Xunta de Galicia é irresponsable, inxusta e carece de calquera tipo de xustificación legal.
  • O COTSG volve lembrarlle á Xunta que o persoal de Traballo Social leva a cabo un traballo de intervención en contacto estreito coas persoas usuarias e a súa contorna, en espazos habitualmente pechados, onde a transmisión do coronavirus SARS- COV-2 resulta moito máis doada. O Traballo Social amósase así como un sector desprotexido e que reforza, involuntariamente, a desprotección das persoas usuarias ante a pandemia de COVID-19.
  • O Colexio reitera á Xunta de Galicia a necesidade de proceder á vacinación inmediata de todas as traballadoras e traballadores Sociais que exercen nos servizos sociais, sanitarios e sociosanitarios, como noutras comunidades autónomas que teñen procedido á vacinación destes colectivos en colaboración cos propios colexios profesionais.
  • O Colexio de Traballo Social de Galicia reclama igualmente, do Ministerio de Sanidade, que amplíe os supostos comprendidos no grupo 6 da última actualización da ‘Estratexia de vacinación fronte a COVID-19 en España’, incluíndo as persoas usuarias e o persoal de todos aqueles centros e entidades que prestan calquera dos servizos que recolle o Catálogo de Referencia aprobado polo Acordo do Consello Territorial de Servizos Sociais e do Sistema para a Autonomía e Atención da Dependencia en xaneiro de 2013.

    Podes descargar aquí a última solicitude do COTSG e aquí a resposta da Xunta.