O Traballo Social, ao lado dos dereitos
O Traballo Social é unha profesión comprometida coa xustiza social, os dereitos humanos e a dignidade das persoas. Así o recolle o noso Código Deontolóxico, e así o vivimos cada día nos servizos sociais, na sanidade, na educación, no terceiro sector e en tantos outros espazos.
Estamos na primeira liña. Recibimos as familias que non poden pagar o aluguer, as persoas que están a piques de perder a súa casa e a xente nova que non pode emanciparse. Atendemos tamén a quen ten traballo e aínda así non chega a fin de mes, e ás persoas maiores que esperan por un servizo que non ten recursos dabondo. Moitas das situacións que atendemos non nacen de problemas individuais. Nacen de condicións estruturais: o encarecemento da vivenda, os salarios baixos, a precariedade e a suba dos prezos dos bens básicos.
Por iso, o noso labor non pode limitarse a xestionar as consecuencias da desigualdade. Tamén temos a responsabilidade de sinalar as súas causas e de defender as políticas que a reducen. A vivenda é un dereito, non un ben de especulación. Un salario digno é a primeira protección fronte á exclusión. E os servizos públicos, ben dotados e con profesionais suficientes, son a garantía de que ninguén queda atrás.
Ademais, o Traballo Social é tamén unha profesión de persoas traballadoras. Moitas compañeiras sofren a sobrecarga, a temporalidade e a falta de medios. Defender condicións laborais dignas é tamén defender a calidade da atención que reciben as persoas.
Por todo isto, o Colexio Oficial de Traballo Social de Galicia apoia a folga xeral do 11 de novembro. Facémolo desde a nosa función social e o noso compromiso ético, porque ningunha intervención social pode substituír o acceso a unha vivenda, a uns ingresos suficientes e a uns servizos públicos de calidade.
Defender estes dereitos é defender o Traballo Social.

