O Colexio Oficial de Traballo Social de Galicia logra o compromiso do Concello de Gondomar para modificar o posto de asistente social por traballador(a) social na RPT
Data: Novembro 25, 2024

O Colexio Oficial de Traballo Social de Galicia (COTSG) acaba de lograr o compromiso do Concello de Gondomar para modificar a denominación de “asistente/a social” por “traballador/a social”, na súa relación de postos de traballo (RPT). O COTSG detectara o uso desta denominación na convocatoria dun proceso de selección do citado Concello.

O colexio profesional recorda que ‘traballador ou traballadora social’ é dende 1983 o termo correcto para referirse a esta profesión. “Non utilizar o termo actual supón desprestixiar á nosa profesión. Non somos asistentes/as sociais, somos traballadores/as sociais”, insisten dende o COTSG.

Neste sentido, o COTSG presentou un recurso, estimado agora polo Concello de Gondomar, solicitando a modificación da denominación do posto, “que non se adapta ao nome actual da profesión”.

O Concello, na súa resposta ao COTSG, confirma que a Relación de Postos de Traballo (RPT) contén a denominación antiga, asistente social. Ante a petición do COTSG, o Concello de Gondomar indica que se poderá incluír esta actualización da nomenclatura no proceso de modificación actual da RPT.

O COTSG móstrase satisfeito por lograr así o compromiso do Concello de modificar a denominación na futura actualización da RPT.