O COTSG reclama que o Traballo Social asuma a coordinación de benestar e convivencia nos centros educativos
Data: Novembro 25, 2024

O Colexio Oficial de Traballo Social de Galicia (COTSG) lamenta que a Xunta de Galicia non conte cos profesionais do ámbito social para exercer a coordinación de Benestar e Convivencia nos centros educativos, que será asumida polo persoal docente.

A consellería de Educación acaba de presentar o anteproxecto da orde para regular a coordinación de Benestar e Convivencia nos centros educativos. Será o persoal docente do centro, é dicir o profesorado, quen asuma esta figura, malia non contar con formación específica neste ámbito.

“A coordinación de Benestar e Convivencia intervirá na prevención, detección e protección dos menores fronte a casos de violencia e acoso no eido escolar. Entre outras situacións, esta figura implícase nas situacións nas que sexa necesaria a intervención dos servizos sociais competentes. Son funcións propias das profesións do ámbito social, como o Traballo Social, para as que o profesorado non conta cos coñecementos necesarios”, subliñan dende o colexio profesional galego.

Dende o COTSG lamentan que a consellería de Educación non teña en conta aos profesionais do Traballo Social nos centros educativos. “Permitirían traballar coas novas necesidades de protección á infancia e familias, realizando unha intervención social de calidade nos centros”, engaden dende o COTSG.

Neste sentido, a Federación Internacional de Traballadores Sociais sinala a escola como o primeiro espazo no que se poden detectar situacións de risco a nivel familiar e social.

Garantía dunha intervención social de calidade nos centros educativos

O COTSG recorda que os profesionais do Traballo Social coordínanse directamente cos equipos de menores da Xunta de Galicia, Servizos Sociais, Sanidade e Xustiza. “Isto permite coñecer e dominar os recursos para paliar efectos e consecuencias nocivas na infancia e familias desta comunidade”, engaden.

“As profesións do ámbito social garanten unha intervención social de calidade e profesional nos centros. O persoal docente carece da formación social para este posto, aumentando a súa carga de traballo en detrimento da atención que reciba o alumnado”, engaden.

A iso súmase o contexto social actual, que afecta ao alumnado, como os cambios no modelo de familia, a globalización da economía, a influencia da tecnoloxía ou a violencia cotiá contra as mulleres e menores, un contexto no que a intervención social debe estar á súa disposición nos centros educativos.