No marco da súa política de defensa da profesión, o Colexio Oficial de Traballo Social de Galicia vela polos intereses da profesión nos procedementos selectivos. Recentemente, o COTSG interpuxo un recurso potestativo de reposición contra as bases do procedemento selectivo dunha praza de axente de emprego e desenvolvemento local no Concello de Abadín.
Neste caso, as bases non incluían o grao ou diplomatura en Traballo Social entre as titulacións que dan acceso a esta praza de axente de emprego e desenvolvemento local.
No escrito, o COTSG argumenta que esta titulación é habitualmente admitida neste tipos de procesos selectivos e que os coñecementos da titulación encaixan coas características do posto ofertado. O COTSG interpuxo polo tanto dito recurso para impedir a exclusión das persoas tituladas en Traballo Social neste proceso selectivo.
Finalmente, o Concello de Abadín estimou o recurso presentado polo COTSG e resolveu modificar as bases do proceso selectivo para incluír a titulación de Traballo Social. Tal e como solicitaba o COTSG, o proceso selectivo foi suspendido e a modificación das bases contará coa correspondente publicidade.