O COTSG condena os acontecementos producidos na fronteira de Melilla e esixe que se leve a cabo unha investigación urxente que aclare o acontecido e depure responsabilidades.
Queremos expresar o noso profundo rexeitamento e condena ante os feitos acaecidos o pasado día 24 de xuño de 2022 no Paso fronteirizo Barrio Chino da Cidade Autónoma de Melilla, onde se produciron 29 mortes e máis de 100 persoas feridas, segundo os datos ofrecidos pola Asociación Marroquí de Dereitos Humanos.
Á vulneración constante de dereitos na fronteira sur, súmaselle esta vez o intento de silenciar o acontecido mediante o enterramento das persoas falecidas por parte das autoridades marroquís sen que se realicen as identificacións dos corpos e sen esclarecer tampouco as causas das mortes mediante as oportunas autopsias, resultando fundamental que se realicen todas as investigacións pertinentes sobre a actuación levada a cabo no valado fronteirizo polas Forzas e Corpos de Seguridade do Estado e pola xendarmería marroquí.