O COTSG vén de presentar alegacións á nova Relación de Postos de Traballo da Xunta de Galicia aos diferentes sindicatos que están na mesa de negociación.
Calquera modificación da RPT efectuada dende a Dirección Xeral de Función Pública da Xunta de Galicia, debe facerse tendo en conta a realidade actual desta Administración Pública e das súas necesidades estruturais, respectando en todo caso o principio de igualdade retributiva e non discriminación no sector público.
A razón pola cal se asigna a cada posto de traballo o seu valor diferencial está intrinsecamente vinculada as funcións que se desenvolven no mesmo, polo que a valoración consiste en cuantificar esa diferenza de contidos e importancia entre os postos sen que se poda en caso algún establecer diferencias de nivel non xustificadas ou arbitrarias como entendemos que sucede no borrador da Relación de Postos de Traballo da Dirección Xeral de Función Pública que se atopa na actualidade en fase de negociación.
Deste xeito, no ámbito do Traballo Social atopamos diferentes niveis nun arco de valoración tan amplo que se move dende o número 18 ao número 25, incluso dentro da mesma unidade administrativa, sen que exista unha xustificación obxectiva para esta disparidade de valoración en relación as funcións que se desenvolven no seo de cada posto de traballo.
Por esta causa, e para evitar a nulidade de pleno dereito da Relación de Postos de Traballo obxecto de negociación, resulta esencial que no expediente de elaboración da mesma, conste a valoración individualizada de cada un dos postos existentes, con indicación expresa de cales foron os criterios, factores ou parámetros que se tiveron en conta para efectuar a análise que implicou a asignación dun nivel ou outro, acreditando en todo caso que se fixo seguindo criterios equitativos.
Non podemos esquecer a existencia dun mandato legal imperativo que compele ás Administracións Públicas a dispoñer de todas aquelas profesionais cualificadas para a adecuada atención dos servizos públicos básicos. Neste ámbito, a figura das Traballadoras Sociais fortalece o vínculo entre as familias e a escola, colaborando no proceso de inclusión do alumnado e atendendo a aspectos socio-familiares e adaptativos que inciden no seu desenvolvemento educativo. Tamén resulta tarefa fundamental das Traballadoras Sociais a orientación e colaboración con outros servizos e institucións nas intervencións que requiran derivación, intervención conxunta e/ou coordinación cos servizos públicos existentes para dar respostas globais e integrais ás necesidades das familias e do alumnado, mediando e facilitando as relacións no seu caso e, desta forma, favorecer a comunicación e colaboración das partes implicadas.