O COTSG vén de enviar alegacións tanto á FEGAMP como á Consellería de Política Social, dado que tivemos coñecemento da solicitude efectuada por esta entidade a todos os municipios galegos con respecto á petición de alegacións sobre un modelo de “Informe Socio-sanitario” que se remite con motivo da entrada en vigor da Lei 8/2021, de 2 de xuño, pola que se reforma a lexislación civil e procesual para o apoio ás persoas con discapacidade no exercicio da súa capacidade xurídica, en virtude do cal, e tendo en conta o alcance e repercusións que esta cuestión suscita, consideramos conveniente realizar as seguintes consideracións:
- A raíz da aprobación e entrada en vigor da Lei 8/2021, do 2 de xuño, pola que se reforma a lexislación civil e procesual para o apoio ás persoas con discapacidade no exercicio da súa capacidade xurídica, modificáronse tanto o artigo 759 da Lei de Axuizamento Civil, como o artigo 42.bis da Lei 15/2015, do 2 de xullo, da Xurisdición Voluntaria. Ambos preceptos establecen a obrigatoriedade de que sexan recabados os ditames periciais necesarios e especializados dos ámbitos social e sanitario para acreditar a necesidade da adopción das medidas de apoio.
- Resultan os Informes emitidos polas profesionais do Traballo Social, polo tanto, de enorme importancia para poder garantir correctamente os dereitos e as liberdades fundamentais das persoas máis vulnerables que se podan ver afectadas, ao permitir coñecer do xeito máis completo e próximo a concreta situación, as necesidades que se demandan, tanto a nivel persoal como a nivel patrimonial e poder instar posteriormente a medida de apoio que mellor se axuste ás circunstancias específicas da persoa afectada, e quen é a persoa ou institución máis idónea para satisfacer a súas necesidades, respectando sempre a súa dignidade, e en particular, os seus desexos e/ou preferencias que contribúan a fomentar a autonomía e independencia, facendo partícipe á persoa usuaria na toma das súas propias decisións razoadas e razoables. Do mesmo xeito, o informe social, daría resposta á petición da autoridade xudicial sobre os tipos de apoio e asistencia que poidan requirir calquera persoa con discapacidade a o longo da súa traxectoria vital.
- Tendo en conta o anterior, consideramos que o Informe elaborado pola FEGAMP de “recollida de datos” remitido á atención de Alcaldías e Servizos Sociais dos Concellos galegos, é un instrumento que carece de base científica e metodolóxica e que presenta eivas graves ao deixar sen cobertura os campos a recoller que requiren unha valoración sobre o tipo de apoios ou sobre a asistencia que resulte adecuada en cada caso concreto para a persoa con discapacidade, así como tamén sobre a súa familia.
- Consideramos fundamental e imprescindible para a elaboración e aplicación práctica dun modelo de Informe Social con esta repercusión e importancia como o que aquí estamos a falar, que se conte coa participación do Colexio Oficial de Traballo Social de Galicia, tendo en conta ademais, que o mesmo conta con Grupos e Comisións de Traballo conformadas por profesionais expertas altamente especializadas para elaborar e traballar na realización dun Informe social e dende a práctica diaria de tales características.
- Neste sentido, este Colexio Profesional xa manifestou á Dirección Xeral de Xustiza a iniciativa de proposta do impulso e creación de Oficinas de Atención Social, implicando así que as e os/as Traballadores/as Sociais actuarían como profesionais de enlace entre os Xulgados e os organismos e servizos de protección social e instrucións e servizos asistenciais, pretendendo con elo un tratamento integral do problema social detectado
Dende o COTSG queremos poñer de manifesto o noso profundo malestar por non ter a FEGAMP consensuado, consultado, acordado nin validado con esta entidade de dereito público a elaboración dun modelo de Informe Social aos efectos expostos, xa que tal e como consta na actualidade, o Informe enviado aos municipios galegos consideramos que atenta claramente co espírito e fin da Lei 8/2021, do 2 de xuño, pola que se reforma a lexislación civil e procesual para o apoio ás persoas con discapacidade no exercicio da súa capacidade xurídica.