A Xunta aproba de forma unilateral unha reforma sobre dependencia que ignora ás profesionais do Traballo Social e pon en risco as políticas sociais públicas
Data: Xaneiro 10, 2025
  • A eliminación do informe social como ferramenta central para a valoración das situacións de dependencia e discapacidade debilita o papel das traballadoras sociais e compromete a calidade da atención prestada.
  • A decisión de sobrecargar os Servizos Sociais Comunitarios con tarefas que deberían ser realizadas por equipos especializados evidencia unha falta de planificación e recursos, agravando o colapso actual do sistema.
  • A cidadanía en situación de vulnerabilidade verá reducido o acceso a valoracións precisas e atención axeitadas debido á falta de consulta previa aos profesionais e á insuficiencia de reforzo de persoal cualificado.
  • A Xunta de Galicia non proporcionou información sobre como se implementarán estas modificacións unha vez aprobadas, deixando ás profesionais nunha situación de incerteza e dificultando a súa aplicación efectiva.

O Colexio Oficial de Traballo Social de Galicia (COTSG) denuncia que a Xunta de Galicia aprobou recentemente a modificación da Lei 13/2008 de Servizos Sociais e do Decreto 142/2023 sen consultar coas profesionais do sector e sen ter en conta as alegacións presentadas polo COTSG a través dos grupos parlamentarios do BNG e PSOE. Esta reforma, que modifica aspectos clave do sistema de dependencia e discapacidade, aprobouse na súa totalidade co texto inicial íntegro, sen considerar ningunha das achegas das profesionais.

Falta de diálogo e transparencia

A lei de medidas fiscais e administrativas de acompañamento dos orzamentos do ano 2025 introduciu cambios en diversas normativas, destacando o Procedemento para o recoñecemento da situación de dependencia e do dereito ás prestacións do Sistema para a Autonomía  e Atención á Dependencia. Tras o seu estudo, o COTSG elaborou un documento de alegacións (pódese consultar aquí o documento) que foi remitido aos distintos grupos políticos do Parlamento de Galicia, co obxectivo de que coñeceran estas aportacións antes do debate da lei. 

En paralelo, o CTSG, xunto co Confederación Intersindical Galega, Comisións Obreiras de Galicia e o Sindicato Labrego Galego, como entidades que forman parte do Consello Galego de Benestar Social, denunciaron que os cambios introducidos por esta lei entorpecen e dilatan os procedementos do sistema de atención á dependencia e promoción autonomía persoal (pódense consultar aquí o posicionamiento do Consello Galego de Benestar). Ademais, solicitouse a convocatoria urxente do Consello Galego de Benestar, que a Conselleira de Política Social e Igualdade ignorou para invitar darexplicacións sobre as modificacións recollidas na lei. 

Os cambios que implican estas modificacións foron comunicados con absoluta falta de información e transparencia, o que deixa aos profesionais na incerteza sobre como aplicar estas medidas no exercicio diario. Este é o caso do Informe Social Unificado (ISU), que hoxe se anuncio que só será necesario cando a información sexa manifestamente insuficiente, eliminando así unha ferramenta fundamental para a valoración dos casos de dependencia e sobre a que non se mencionaba nada no proxecto de Lei. Tras coñecer esta información, o COTSG xa se puxo en contacto coa Consellería para que aclare esta información.

Un sistema en risco: redución de ferramentas e sobrecarga de traballo

Entre as mudanzas máis preocupantes, destaca a eliminación do Informe Social como instrumento clave para as valoracións das situacións sociofamiliares das persoas usuarias. Este documento, elaborado exclusivamente por profesionais do Traballo Social, é unha ferramenta esencial para garantir unha avaliación técnica e rigorosa. A súa supresión compromete a calidade dos servizos e reduce as garantías para a cidadanía.

As novas disposicións también atribúen tarefas especializadas aos Servizos Sociais Comunitarios, como a aplicación do baremo de dependencia, sen prever o reforzo do persoal necesario. Esta decisión aumenta a xa insostible carga de traballo destes servizos, que levan anos operando en condicións de saturación e colapso. O COTSG leva tempo demandando un incremento urxente no número de profesionais do Traballo Social para garantir unha atención adecuada á cidadanía, unha petición que foi ignorada pola Administración.

Alegacións presentadas polo COTSG

O COTSG expresou o seu rexeitamento a varios artigos incluídos na reforma mediante un documento de alegacións presentado no mes de novembro, entre as que destacan:

  • Artigo 98: Rexeita a unificación do procedemento de recoñecemento de dependencia e discapacidade nunha única resolución, dado que elimina a especialización necesaria para cada caso.
  • Artigo 101: Solicita que a emerxencia social sexa avaliada mediante un Informe Social elaborado por unha traballadora social, garantindo unha valoración profesional e precisa.
  • Artigos 103 e 104: Demanda que a aplicación do baremo de dependencia e as funcións dos equipos de valoración sexan realizadas exclusivamente por profesionais especializados, incluídas traballadoras sociais, cuxa labor é indispensable.
  • Artigo 107: Insiste en que o Programa Individual de Atención (PIA) debe estar baseado nas necesidades detectadas polas profesionais do Traballo Social e priorizar os servizos fronte ás libranzas.

 

Unha reforma allea á realidade dos servizos sociais

A modificación aprobada pola Xunta, malia ser presentada como unha iniciativa para simplificar e axilizar trámites, representa unha visión burocrática e economicista dos servizos sociais. Ignorar o papel fundamental das profesionais do Traballo Social, sobrecargar os servizos comunitarios e eliminar ferramentas clave como o Informe Social comprometen a calidade da atención ás persoas máis vulnerables.

Desde o COTSG instamos á Xunta a reconsiderar estas medidas e abrir un diálogo efectivo cos profesionais do sector. A defensa dunha atención social de calidade require dun compromiso firme coa profesión e coa cidadanía galega.