Un ano sen Teresa de Jesús: a seguridade no SAF, unha urxencia que non admite demoras
Cando se cumpre un ano da perda de Teresa de Jesús González mentres exercía o seu labor no Porriño, o Colexio Oficial de Traballo Social de Galicia (COTSG) reafirma o seu compromiso coa transformación das condicións de traballo e a garantía de condicións dignas para as traballadoras do Servizo de Axuda no Fogar (SAF).
O SAF é un servizo público estratéxico e de vital importancia para Galicia. Nunha comunidade cunha realidade demográfica coma a nosa, este recurso é o que permite que as persoas en situación de dependencia reciban unha atención profesional e de calidade no seu propio contorno, garantindo o seu dereito fundamental a permanecer no seu domicilio e na súa comunidade.
Esta data debe servir para mover conciencias e activar solucións reais. Un servizo tan esencial para o benestar social non pode desenvolverse baixo un velo de invisibilidade que se traduza en desprotección, precariedade nin illamento para quen o presta.
Coidar é un traballo en equipo. As traballadoras sociais e as auxiliares de axuda no fogar forman unha engranaxe inseparable
Neste sentido, o COTSG mantivo unha actitude proactiva dende o primeiro momento: impulsamos a nosa incorporación á mesa de traballo da FEGAMP e participamos activamente, xunto coa FEGAMP, a Delegación do Goberno, o ISSGA, a Inspección de Servizos Sociais da Xunta de Galicia, as organizacións sindicais e a patronal, na elaboración do Protocolo para a prevención e actuación ante situacións de violencia laboral externa no SAF, achegando a experiencia técnica das nosas colexiadas e profesionais do Saf.
Así mesmo, elaboramos un documento de achegas clave para abordar os cambios normativos necesarios. O noso obxectivo é claro: dotar ao SAF dun marco xurídico e operativo adaptado á realidade actual dos fogares, onde a prevención de riscos psicosociais e a protección física sexan obrigatorias e efectivas.
Dende o COTSG continuamos a traballar para que tanto as administracións públicas como as empresas concesionarias asuman a seguridade laboral e o traballo digno como unha prioridade absoluta e transversal. Seguiremos promovendo protocolos rigorosos, coordinados e con garantías de suspensión inmediata ante calquera risco, para que ningunha profesional teña que elixir xamais entre o seu traballo e a súa integridade física ou emocional.
Un ano do asasinato de Teresa de Jesús no Porriño
Data: Xullo 29, 2026
