Rosario Capelo reivindica en Nós Diario unha protección da infancia con máis recursos, profesionais e capacidade de prevención
Data: Setembro 3, 2026

A presidenta do Colexio Oficial de Traballo Social de Galicia (COTSG), Rosario Capelo, publica en Nós Diario o artigo de opinión «Ceuta, a infancia e a responsabilidade de protexer: unha mirada desde o traballo social», no que aborda a situación das nenas, nenos e adolescentes que se atopan sós en Ceuta desde a perspectiva profesional do Traballo Social.

No artigo, Capelo reivindica que a protección da infancia debe asumirse como unha responsabilidade compartida, solidaria e sostida no tempo, afastándose dunha resposta limitada á xestión puntual das situacións de emerxencia.

A presidenta do COTSG lembra que Galicia ten demostrado o seu compromiso coa protección da infancia, pero tamén sinala as dificultades que atravesa o propio sistema: a sobrecarga das profesionais, a insuficiencia de recursos, a necesidade de alternativas residenciais e educativas adaptadas ás distintas realidades e a importancia de reforzar a prevención e o acompañamento.

Neste sentido, defende a necesidade de avanzar cara a un sistema capaz de anticiparse e non actuar unicamente cando as situacións se desbordan, con máis profesionais, recursos especializados, coordinación e capacidade para ofrecer respostas individualizadas.

O artigo incide tamén en que acoller non pode reducirse á dispoñibilidade dunha praza, senón que implica garantir acompañamento, educación, saúde, vínculos, protección e oportunidades a cada nena, neno ou adolescente.

Desde o Traballo Social, Rosario Capelo reivindica ademais o papel da profesión á hora de identificar as carencias dos sistemas de protección, anticipar necesidades e defender os dereitos das persoas en situación de maior vulnerabilidade.

A reflexión recupera tamén a memoria migrante galega e a experiencia histórica de tantas familias e crianzas que tiveron que abandonar o seu lugar de orixe, apelando a unha mirada que combine solidariedade, responsabilidade e unha análise realista das capacidades dos sistemas de protección.

Como conclúe a presidenta do COTSG, a resposta pasa por máis recursos, máis profesionais, máis coordinación, máis prevención e maior capacidade de acollida, garantindo ao mesmo tempo unha atención axeitada a todas as persoas menores que xa forman parte do sistema de protección.

Podes ler o artigo completo de Rosario Capelo en Nós Diario:

Ceuta, a infancia e a responsabilidade de protexer: unha mirada desde o traballo social — Nós Diario