Ante o recurso do COTSG, o Concello de Abadín inclúe o Traballo Social nas bases da praza de axente de emprego e desenvolvemento local
Data: Novembro 25, 2024

No marco da súa política de defensa da profesión, o Colexio Oficial de Traballo Social de Galicia vela polos intereses da profesión nos procedementos selectivos. Recentemente, o COTSG interpuxo un recurso potestativo de reposición contra as bases do procedemento selectivo dunha praza de axente de emprego e desenvolvemento local no Concello de Abadín.  

Neste caso, as bases non incluían o grao ou diplomatura en Traballo Social entre as titulacións que dan acceso a esta praza de axente de emprego e desenvolvemento local.  

No escrito, o COTSG argumenta que esta titulación é habitualmente admitida neste tipos de procesos selectivos e que os coñecementos da titulación encaixan coas características do posto ofertado. O COTSG interpuxo polo tanto dito recurso para impedir a exclusión das persoas tituladas en Traballo Social neste proceso selectivo 

Finalmente, o Concello de Abadín estimou o recurso presentado polo COTSG e resolveu modificar as bases do proceso selectivo para incluír a titulación de Traballo Social. Tal e como solicitaba o COTSG, o proceso selectivo foi suspendido e a modificación das bases contará coa correspondente publicidade.