Meniños lanza o proxecto “Colexio do Benquerer”, dende o que traballan a importancia da educación afectivo-sexual en familia dende o respecto, a empatía, a coeducación e o pensamento crítico.
O Colexio do Benquerer nace co obxectivo de achegar aos colexios galegos unha educación afectivo sexual baseada no bo trato, a confianza, o respecto, a diversidade e o pensamento crítico, tendo de marco de referencia a educación emocional e a coeducación. Queremos con isto promover o Benquerer non soamente como nome, senón como idea: querer ben, con confianza, en igualdade, con liberdade e con respecto.
Nas actividades do proxecto proponse unha abordaxe integral para chegar a este fin, estruturada en cinco áreas:
- Coñecemento e aceptación persoal
- Diversidade
- Comunicación e educación emocional
- Prevención do abuso sexual infantil
- Análise social
Este proxecto está destinado a últimos cursos de Primaria, se ben conta coa posibilidade de estender o aprendido ou incluso facer algunhas actividades en cursos inferiores, unha vez estea implantado no colexio.