Proposta do COTSG á Dirección Xeral de Xustiza
Data: Abril 27, 2024

Este Colexio Profesional vén detectando nos últimos anos a necesidade de establecer liñas de actuación do Traballo Social no ámbito da Administración de Xustiza que revisten especial importancia e cuxa atención urxente resulta primordial. Entendendo que se deben unir sinerxías para xerar accións coordinadas que busquen a mellora da atención á cidadanía, en virtude do cal, e por medio dun escrito e petición de reunión, solicitamos a colaboración da Dirección Xeral de Xustiza co obxectivo de adoptar medidas inmediatas para o reforzo da protección social das persoas en situación de vulnerabilidade ás que entendemos que se deben ofrecer medidas públicas de apoio eficaces e de calidade.

Con todo, preocúpanos especialmente que a aprobación de normas estatais como autonómicas requiran medidas que non veñan acompañadas dos correspondentes medios técnicos, materias e, sobre todo, persoais necesarios que eviten colapsar o xa delicado Sistema de Servizos Sociais

En concreto, cabe mencionar aqueles que implican que a Administración de Xustiza, que os Xuíces/zas e Tribunais, así como o Ministerio Fiscal, e incluso ás partes personadas nun procedemento, necesariamente teñan que requirir un Informe Social ás e aos profesionais do Traballo Social para poder elaborar ou obter un pronunciamento ou resolución sobre o fondo do asunto en cuestión.

Exemplo do anterior atopámolo no Real Decreto-Lei 11/2020, do 31 de marzo, polo que se adoptan medidas urxentes complementarias no ámbito social e económico para facer fronte ao COVID-19, onde para poder acordar a suspensión do procedemento de desafiuzamento e dos lanzamentos para fogares vulnerables sen alternativa habitacional, o/a Letrado/a da Administración de Xustiza deberá trasladar inmediatamente aos servizos sociais competentes toda a documentación e solicitará aos devanditos servizos informe, que deberá ser emitido no prazo máximo de dez días, no que se valore a situación de vulnerabilidade do arrendatario e, no seu caso, do  arrendador, e se identifiquen as medidas para aplicar pola administración competente. Nesa mesma norma, se requiren por varios aspectos diferentes Informes sociais para valorar a consecuencia do impacto económico e social do COVID.

Pola súa banda, recentemente coa aprobación e entrada en vigor da Lei 8/2021, do 2 de xuño, pola que se reforma a lexislación civil e procesual para o apoio ás persoas con discapacidade no exercicio da súa capacidade xurídica, modificou tanto o artigo 759 da Lei de Axuizamento Civil como o artigo 42.bis da Lei 15/2015, do 2 de xullo, da Xurisdición Voluntaria. Ambos preceptos establecen a obrigatoriedade de que sexan recabados os ditames periciais necesarios e especializados dos ámbitos social e sanitario para acreditar a necesidade da adopción das medidas de apoio.

En virtude do anterior, propoñemos unha liña concreta de traballo para vincular o sistema Xudicial cos sistemas de Servizos Sociais e Sanitario mediante a creación das Oficinas de Atención Social e a coordinación coa figura do Traballo Social.

A iniciativa de proposta do impulso de Oficinas de Atención social en Galicia situadas nos propios xulgados, nace pola necesidade de contribuír a unha xustiza máis amable, mais ao carón da cidadanía, máis atenta e máis preocupada polos problemas sociais subxacentes que terminan derivando en procedementos xudiciais, pero que están fóra dos mesmos e cuxa solución corresponde a outros organismos e institucións públicas de carácter asistencial, se ben os xulgados poden colaborar na súa derivación xa que é precisamente nestes lugares onde poden detectarse especialmente.

Sen embargo, con máis forza proponse a esta dirección Xeral debido á preocupación ante a nova reforma lexislativa, derivada da aprobación e entrada en vigor da Lei 8/2021, xa que a necesidade do coñecemento profesional da disciplina do Traballo Social ante a valoración e o diagnóstico da situación e contorna da persoa usuaria, precisan dunhas medidas acompañadas dos correspondentes persoais técnicos necesarios que eviten colapsar o sistema de Servizos Sociais.

Este tipo de Informes sociais requiren dun seguimento e Informe exhaustivo, polo que non se pode en ningún caso relegar a un simple informe pericial puntual emitido nun momento concreto que non valore de xeito integral a situación.

As principais funcións que desenvolverían as profesionais do Traballo Social nas Oficinas de Atención Social cuxa creación propoñemos, serían as seguintes:

  • Actuarían como figuras de coordinación ante unha petición de Informe Social por parte de Fiscalía/Xulgado ante Atención primaria de Saúde e os Servizos Sociais. Os informes sociais nesta nova normativa serán individuais e centrados na propia persoa, polo que as/os Traballadoras/es Socias das Oficinas de Atención Social serán as encargadas de valorar a súa derivación e, posterior seguimento, aos servizos de proximidade máis axeitado para cada
  • Prestar apoio e acompañamento para as e os profesionais do Sistema xudicial, do sistema de Servicios sociais e do Sistema de saúde, servindo de enlace entre outros sistemas onde está tamén presente o Traballo social para poder intervir coas persoas no seu entorno e no seguimento das mesmas.
  • Serían a figura de centralización social e coordinación dentro do sistema xudicial

 

No presente caso, entendemos que existe xa un modelo de referencia de Atención Social no Sistema Xudicial sobre o cal se pode efectuar unha primeira valoración para a súa translación e aplicación en Galicia. Estamos a referirnos ao modelo desenvolto pola Comunidade Autónoma de Valencia [https://www.cvca.es/la-unidad-de-asistencia-social-comienza-a-funcionar-en-la-ciudad-de-la-justicia-de-valencia/] que atende as necesidades requiridas no ámbito social daquelas persoas que sexan derivadas dende a Administración de Xustiza.

Asemade, o COTSG propón a posibilidade de crear un novo Informe en colaboración coa Dirección de Xustiza e cos/as profesionais colexiadas para a nova Reforma de Lei 8/2021 e a solicitude de reforzar os Equipos do IMELGA.

O Colexio Oficial de Traballo Social de Galicia, en virtude de todo o exposto, propón á Dirección Xeral de Xustiza que teña en conta todas as consideración aquí desenvoltas, e que abra un espazo en colaboración con este Colexio Profesional para o traballo, impulso creación e posta en marcha de Oficinas de Atención Social Especializadas formadas por profesionais do Traballo Social, nas principais cidades de Galicia, prestando servizos de proximidade en todos os partidos xudiciais galegos.

Desde o COTSG seguiremos traballando para crear ferramentas de intervención e manuais de boas prácticas para saber como actuar, en concreto, no eido da xustiza.

Xunta de Goberno do COTSG