Os programas de cooperación son instrumentos a través dos que se ofrece ás persoas demandantes de emprego unha oportunidade para adquirir a experiencia laboral que redunde na mellora da súa empregabilidade e que facilite a súa futura inserción no mercado de traballo, canalizando a práctica laboral adquirida cara as ocupacións que faciliten unha maior estabilidade no emprego.
O procedemento comeza coa convocatoria coa publicación da orde pola que se regulan as bases para que as entidades sen ánimo de lucro poidan solicitar participar neste programa. A orde Orde do 4 de agosto de 2025 recolle a convocatoria para o ano 2025.
As entidaades que foron seleccionadas teñen de prazo ate o 10 de decembro de 2025 para formalizar os contratos subvencionados.
As persoas que sexan contratadas para a realización dos servizos polos que se outorgue a subvención deberán cumprir os seguintes requisitos no momento da selección e da contratación:
1. Estar inscritas no Servizo Público de Emprego de Galicia como demandantes non ocupadas e que estean dispoñibles para o emprego.
2. Non ter sido contratadas por un período igual ou superior a seis meses, con cargo ás axudas de programas de cooperación no ámbito de colaboración coas entidades sen ánimo de lucro, referentes aos anos 2022 (procedemento TR352A), 2023 (procedemento TR352A) e 2024 (procedemento TR352A).
3. Tampouco poderán ser contratadas as persoas cónxuxes, ascendentes, descendentes e demais parentes, por consanguinidade ou afinidade, ata o segundo grao inclusive, das persoas que exerzan funcións directivas na entidade.
As entidades beneficiarias poderán iniciar o procedemento de selección das persoas desempregadas que se van contratar, calquera das seguintes dúas modalidades de selección:
a) Selección mediante unha oferta de emprego específica presentada na oficina correspondente do Servizo Público de Emprego de Galicia, segundo os modelos establecidos, e farán referencia aos requisitos e ás características que deben reunir as persoas traballadoras que se contratarán para o desempeño adecuado das funcións inherentes aos postos de traballo ofertados.
b) Selección directa pola entidade beneficiaria, logo da publicación da listaxe de entidades beneficiarias por parte do órgano xestor das axudas no Portal de emprego de Galicia (ver a listaxe máis abaixo nesta mesma páxina).
Por iso, se cumpres os requisitos da convocatoria e, por suposto, os requiridos para o desempeño da ocupación de que se trate, poderás presentar a túa candidatura:
- Ante a entidade beneficiaria, a través dos datos de contacto que aparecen naquelas ocupacións concedidas ás entidades. Neste enlace podes comprobar que ofertas hai para persoas tituladas en Traballo Social para o ano 2025. BUSCADOR DE ENTIDADES
- Acudindo á túa oficina de emprego para informarte, naquelas ocupacións concedidas ás entidades. BUSCADOR DE OFICINAS DE EMPREGO

