O Traballo Social galego mostra o seu desacordo coa decisión da Xunta de non contratar novos profesionais para exercer a figura de coordinación de benestar nas escolas
Data: Xuño 15, 2024

O Colexio Oficial de Traballo Social de Galicia (COTSG) amosa o seu desacordo coa decisión da Xunta de non contratar a novos profesionais para exercer a figura de coordinación de Benestar nos centros educativos.  

“O profesorado debe renunciar a parte das horas de docencia para realizar funcións propias do eido social”, sinala o COTSG, “a Xunta négase a investir recursos na educación, repercutindo negativamente nas familias galegas”.  

Este xoves, 31 de agosto, o Diario Oficial de Galicia recolle a orde que regula esta figura, que será designada entre o profesorado. O COTSG xa presentara unha serie de aportacións ao anteproxecto desta orde, que se suman a numerosos escritos e reunións nos últimos anos, “para instar á Xunta a que se incorporasen a profesionais do eido social, como o Traballo Social, para asumir estas funcións”. 

“Esta figura créase ao abeiro da Lei de Protección á Infancia e Adolescencia fronte á violencia, que permitía crear novo persoal para asumir as funcións. A Xunta opta pola opción da precariedade: non contratará a novos profesionais e outorga aos docentes estas funcións, para as que non teñen formación”, sinalan dende o COTSG.  

Miriam Rodríguez, presidenta do COTSG, insiste en que a figura de coordinación de benestar “é unha oportunidade para solucionar conflitos nas escolas, como a discriminación ou o maltrato, ademais de promover plans de prevención entre o alumnado, ou formar ao profesorado”.  

O Colexio presentará unha nova proposta 

O COTSG traballa xa nunha nova proposta para que os centros educativos conten con profesionais do Traballo Social, asegurando a protección da infancia e a resolución de conflitos. “É fundamental contar con persoal formado para detectar e intervir en situacións de risco social ou violencia, e dotar os centros de mellor convivencia e calidade. Unhas funcións que deben asumir novos profesionais especializados e nunca o profesorado dentro do seu horario laboral”, engade a presidenta.  

Esta figura de coordinación de benestar exercida por profesionais do social, xa está a funcionar noutras comunidades autónomas do estado e noutros países da Unión Europea con gran éxito.