A UNESCO declarou o primeiro xoves de novembro como o día internacional contra a Violencia e o Acoso Escolar, incluído o ciberacoso, recoñecendo que a violencia nas escolas, en todas as súas formas, constitúe unha violación dos dereitos á educación, saúde e benestar dos nenos, as nenas e adolescentes.
Na conmemoración do 2024 escolleuse o lema “ protexer, educar, empoderar: os e as estudantes esixen escolas seguras e inclusivas”.
Dende o COTSG engadimos que esta esixencia non é só do estudantado, que a sociedade enteira reclama do sistema educativo máis que a aprendizaxe de coñecementos: a convivencia nos valores democráticos, solidarios e integradores.
O Traballo Social Educativo, ten entre outras, a función de actuar coas familias, alumnado e profesorado para intervir na xénese da problema, previndo a súa aparición ou actuando cando ocorre.
A intervención sobre os factores familiares e sociais que promoven os comportamentos de acoso tanto na persoa acosadora, cómo na acosada e no resto do grupo é primordial para poder acadar melloras.
Coincidindo co día internacional, o pasado martes 5 de novembro tivo lugar no CEIP Lope de Vega (Vigo) a primeira sesión do proxecto de intervención entre o COTSG e a Confederación de ANPAS Galegas.
Nesta ocasión o alumnado de 5º tivo a edición da actividade “ A diferencia e o respecto: porque somos diferentes, porque somos iguais”, coa que se tratou de poñer en valor a diferencia e riqueza da diversidade social vinculándoa coa igualdade de dereitos.
Posteriormente haberá unha segunda actividade programada que poden solicitar todas as anpas confederadas. Denomínase “Os servizos sociais e o sistema educativo” que ten por obxectivo dar a coñecer o sistema de servizos sociais entre as familias e a comunidade educativa. Saber onde acudir, a quen, cándo e qué podemos esperar dos servizos sociais, ampliar o coñecemento sobre o sistema de axudas e bolsas para financiar os custes escolares, da estrutura de programas e demais apoios das administracións publicas para facilitar o acceso ao dereito a educación.
Nas próximas semanas irase executando o resto das actividades deste proxecto en distintos centros galegos.