O Colexio de Traballo Social de Galicia vén de presentar un recurso potestativo de reposición ante a Consellería de Facenda e administración pública, fronte a Resolución do 18 de febreiro de 2022 pola que se ordena a publicación do Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 17 de febreiro de 2022 polo que se aproba a modificación da relación de postos de traballo referente ao proceso de funcionarización de postos de traballo de persoal laboral da Xunta de Galicia correspondente á administración especial da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia e as clasificacións na escala de facultativos, escala técnica de facultativos, escala de axentes técnicos facultativos e escala de auxiliares de clínica; así como a modificación da relación de postos de traballo da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia referente ao proceso de funcionarización, aprobada polo Acordo do 24 de xuño de 2021, en virtude do disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do Procedemento Administrativo Común das Administracións Públicas, dentro do prazo legal conferido ao efecto e en base aos seguintes puntos resumidos:
- Calquera modificación da RPT efectuada dende a Dirección Xeral de Función Pública da Xunta de Galicia, debe facerse tendo en conta a realidade actual desta Administración Pública e das súas necesidades estruturais, respectando en todo caso o principio de igualdade retributiva e non discriminación no sector público.
- Todos os postos de traballo contidos na RPT deben obter unha conceptualización que sirva de medida para a súa xerarquización (nivel), para a fixación das súas retribucións complementarias e para saber cal é a forma de provisión do posto. Esta fase non é un mero trámite optativo, senón que é un elemento esencial da RPT, podendo orixinarse a súa nulidade se carece de valoración, xa que non existiría motivación para ela.
- Atopamos diferentes niveis nun arco de valoración tan amplo que se move dende o número 18 ao número 25, incluso dentro da mesma unidade administrativa, sen que exista unha xustificación obxectiva para esta disparidade de valoración en relación as funcións que se desenvolven no seo de cada posto de traballo.
- Por esta causa, e para evitar a nulidade de pleno dereito da Relación de Postos de Traballo obxecto de negociación, resulta esencial que no expediente de elaboración da mesma, conste a valoración individualizada de cada un dos postos existentes, con indicación expresa de cales foron os criterios, factores ou parámetros que se tiveron en conta para efectuar a análise que implicou a asignación dun nivel ou outro, acreditando en todo caso que se fixo seguindo criterios equitativos.
Por outra banda, observamos con preocupación como se reflicte na proposta da Relación de Postos de Traballo a amortización de varias prazas esenciais de Traballo Social cando as mesmas sexan vacantes.
- Non podemos esquecer a existencia dun mandato legal imperativo que compele ás Administracións Públicas a dispoñer de todas aquelas profesionais cualificadas para a adecuada atención dos servizos públicos básicos. Neste ámbito, a figura das Traballadoras Sociais fortalece o vínculo entre as familias e a escola, colaborando no proceso de inclusión do alumnado e atendendo a aspectos socio-familiares e adaptativos que inciden no seu desenvolvemento educativo.
- Resulta fundamental ter en conta a importancia da intervención social nos centros educativos para mellorar a aprendizaxe, o rendemento académico e a integración escolar e social do alumnado, en virtude do cal, lonxe de implementar políticas de recortes e amortización de prazas do Traballo Social no eido educativo, resulta necesario avanzar na presenza destas profesionais nos centros escolares, posibilitando o traballo directo coas/os alumnas/os, as familias e o profesorado.