O COTSG solicita unha aclaración ao Tribunal Cualificador sobre as bases do proceso selectivo de Técnicos Facultativos de Servizos Sociais, especialidade de Traballo Social
Data: Abril 20, 2024

O Colexio Oficial de Traballo Social ten recibido nos últimos días numerosas consultas por parte da colexiación en relación coa segunda fase do proceso selectivo para o ingreso no corpo facultativo de grao medio da escala de Técnicos Facultativos de Servizos Sociais, especialidade de Traballo Social.

Estas consultas producíanse pola falta de claridade na interpretación da BASE SEGUNDA apartado segundo punto dous que regula a Experiencia Profesional como mérito valorable da ORDE do 4 de novembro de 2019 pola que se convocou o proceso selectivo.

O COTSG trasladou un escrito ao Tribunal Cualificador en que solicita que aclare que entende por

“Servizos prestados nalgunha das actividades descritas no catálogo de servizos sociais ao que fai referencia o artigo 18 da Lei 13/2008, do 3 de decembro, de Servizos Sociais de Galicia, en calquera Administración Pública, como persoal laboral na categoría 017 do grupo II no ámbito do V Convenio colectivo de persoal da Xunta de Galicia ou como empregado público na mesma categoría, sempre que se inclúa dentro do mesmo grupo de titulación e desempeñe o seu posto no indicado catálogo de servizos sociais”

O COTSG considera que esta redacción non amosa a suficiente claridade na exposición de cales serán os méritos valorables relativos á experiencia profesional.

Tamén se solicita que se especifique cal é a diferencia da anterior Experiencia Profesional coa que se recolle no apartado seguinte da convocatoria:

“Servizos prestados en calquera Administración Pública, como persoal laboral na categoría 017 do grupo II no ámbito do V Convenio colectivo de persoal da Xunta de Galicia ou como empregado público na mesma categoría sempre que se inclúa dentro do mesmo grupo de titulación”.

O Colexio continuará a defender os intereses profesionais da Colexiación.