Con motivo das vindeiras eleccións xerais, o Colexio Oficial de Traballo Social de Galicia remitiu unha carta aos principais partidos políticos con candidaturas nas provincias galegas. A carta insta a aumentar a presenza das políticas sociais na campaña electoral. Xunto á carta, o COTSG achegou o documento de propostas políticas elaborado polo Consejo General del Trabajo Social.
Na carta, o COTSG recorda que os Servizos Sociais son un dos piares do estado de benestar, xunto a Educación, Sanidade, Vivenda, Emprego e a Garantía de Rendas.
Neste sentido, o colexio repasa os elementos necesarios para realizar un traballo óptimo nestes campos. Entre eles, a necesidade dun financiamento público suficiente e sostible, unha estrutura de prestación de servizos que estableza a complementariedade entre o público e o privado, así como a necesidade dunha Lei de Servizos Sociais para garantir un sistema mínimo en España.
A iso súmase a necesidade de establecer a atención social en cada sistema de benestar, complementado as accións. Por último, na carta, o COTSG recorda que os servizos sociais son un investimento imprescindible para garantir unha convivencia persoal positiva e que non quebre a cohesión social.
O COTSG lamenta na súa carta dirixida aos partidos políticos a crise un sistema que atende a máis e 6 millóns de persoas, pero que sofre dispersión e maltrato polos recortes e que está insuficientemente dotado para responder á demanda.