O COTSG reuniuse este mércores coa Secretaria Xeral Técnica da Consellería de Política Social e co Subdirector xeral de dependencia e valoración da discapacidade
Data: Abril 19, 2024

O Colexio Oficial de Traballo Social de Galicia reúnese coa Secretaria Xeral Técnica e co Subdirector Xeral de dependencia e valoración da discapacidade co obxectivo de trazar liñas de colaboración ante a inminente reforma do Decreto que regula o procedemento para o recoñecemento da situación de dependencia, e do dereito ás prestacións do sistema para a autonomía e atención á dependencia, o procedemento para a elaboración do PIA e a organización e funcionamento dos órganos técnicos competentes.

 

O COTSG pretendía coñecer de primeira man cal era a previsión da Consellería neste senso e facer as achegas que se consideraden oportunas ao respecto desde a mirada do Traballo Social, como profesión de referencia neste ámbito.

 

Por parte da Consellería foi trasladada información relacionada con varias liñas da reforma: simplificación do procedemento e reducción de documentación mínima inicial, a unificación do procedemento nunha única resolución, a simplificación do ISU, a oferta de recursos alternativos inmediatos unha vez as persoas causen alta no PAR, a modificación do decreto e a súa orde de desenvolvemento posteriormente…etc.

 

O Colexio incidiu na importancia de contar cos/as Traballadores/as Sociais para este cambio como axentes directamente implicados/as no funcionamento do sistema -coñecedores/as directos/as da carteira de servizos sociais, dos procedementos técnicos vinculados: seguimentos, intervención social…-, na importancia do Informe Social e na necesidade de mellorar a comunicación e coordinación entre os diferentes entes retomando as comisións provinciais xa definidas no artigo 109 da Orde do 2 de xaneiro de 2012, co obxectivo de manter encontros periódicos onde se analicen as dificultades que se plantexen, os procedementos, as liñas de actuación e medidas…etc.

 

De xeito práctico, o COTSG xa foi partícipe (en colaboración cos grupos de traballo de SAF e SS.SS. Comunitarios) desta intención de reforma coa achega dun documento técnico a través do portal de transparencia da Xunta de Galicia neste mes de novembro, sen coñecemento previo do contido do borrador, polo que continuará o seu contacto coa Consellería para participar de xeito directo nesta modificación, tanto no que se refire ao procedemento en sí mesmo como na definición do modelo de informe social que se plantexe.