O COTSG reúnese coa Xunta de Galicia para abordar o Traballo Social e a Educación
Data: Novembro 24, 2024

O Colexio Oficial de Traballo Social de Galicia (COTSG) mantivo este mes de novembro unha reunión na dirección xeral de Ordenación e Innovación Educativa. A cita permitiu avanzar nos temas comúns entre o Traballo Social e o departamento de Educación da Xunta de Galicia.  

En representación do colexio asistiron a presidenta, Miriam Rodríguez Sierra; a vogal da Xunta de Goberno, Laura Zapata Criado, e o técnico, Ignacio Igrexas Vilar. Representando á dirección xeral asistiron Ana María Alzate Rodríguez, xefa do servizo de Inclusión, Orientación e Convivencia, e Inmaculada Fernández Teijeiro, subdirectora xeral de Ordenación, Inclusión e Innovación educativa, da consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades. 

Durante a reunión abordouse a situación do Traballo Social Educativo, en relación á necesidade de tratamento social dos problemas que o alumnado leva ao sistema educativo, e situar a nenos e nenas no centro da intervención dos sistemas de benestar. Neste sentido, as representantes do COTSG insistiron en recuperar os EOE (equipos de orientación específica de educación), no que existían profesionais do Traballo Social integrados nos sistemas de educación, pero cuxas prazas foron amortizadas e só queda unha na provincia de Lugo, en relación ao panorama galego.  

Por outro lado, o COTSG trasladou os seus parabéns á dirección xeral polo programa RAOGAL, ofrecéndose a colaborar na súa avaliación, mediante a recollida de información dende os servizos sociais comunitarios básicos, de cara a facilitar elementos de análise que poidan mellorar  a súa planificación e funcionamento. 

Por último, a representación do COTSG anunciou a intención de organizar unha xornada sobre o Traballo Social educativo nos vindeiros meses. Neste sentido, ambas partes emprazáronse a seguir avanzando en cuestións relativas á este eido.