O COTSG reúnese coa FEGAMP para avaliar a situación xerada polo “Bono Coidado no Fogar”
Data: Maio 5, 2024

O Colexio Oficial de Traballo Social de Galicia (COTSG) mantivo esta semana unha reunión coa Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP) co obxectivo de avaliar a situación xerada polo “Bono Coidado no Fogar” da Xunta de Galicia. En representación da FEGAMP asistiu a súa secretaria xeral, Patricia Vilán, mentres que representando ao COTSG estivo o coordinador, David Gontán.

Ambas entidades sinalaron que este bono está a xerar tanto confusión entre as familias afectadas como dificultades entre profesionais do Traballo Social. O COTSG compartiu coa FEGAMP o seu punto de vista, “unha medida que se anuncia como universal e automático, pero que despois ten moitas limitacións”.

Neste sentido, o COTSG lanzara semanas atrás a campaña #MaisServizosMenosBonos, coas que instaban á Xunta de Galicia a buscar unha solución estrutural á dependencia. Para o colexio profesional, os bonos son unha medida puntual, que non garante futuros investimentos no sistema de dependencia.

Por último, a FEGAMP e o COTSG acordaron seguir traballando de forma coordinada, emprazándose a futuras xuntanzas.