O Colexio Oficial de Traballo Social de Galicia reúnese coa Dirección Xeral de Inclusión social para trasladarlle as propostas iniciais traballadas en conxunto cos Grupos de Traballo Social e Servizos Sociais máis o Grupo de Traballo de Inclusión Social, en canto á inminente reforma da Lei de inclusión.
O documento elaborado polos grupos de traballo participantes foi un elemento clave para unha primeira aproximación, co obxectivo de promover esta adaptación dende a perspectiva do Traballo Social, asentada en 6 eixos estratéxicos:
- Defensa dun sistema de Servizos Sociais públicos
- Necesidade da dotación e reforzo dos equipos de SS.SS. Comunitarios Básicos e específicos, con mecanismos de coordinación axeitados coas entidades do terceiro sector, definindo o seu papel neste ámbito.
- Necesidade de reforzar e ampliar competencias dos equipos de inclusión desde o Sistema Público de SS.SS., engadindo sempre o perfil de traballo social.
- Canles de compatibilización RISGA – IMV (e outras prestacións), itinerarios personalizados de inserción e ampliación de cobertura da RISGA.
- Cauces efectivos de coordinación e participación dos diferentes Sistemas de Protección (SS.SS., emprego, vivienda, educación, sanidade…) para garantir transversalidade e permitir a inclusión plena.
- Axilizar tramitación e reducir prazos.