O Colexio Oficial de Traballo Social de Galicia considera “un ataque ao sector público” a decisión da Xunta de externalizar e privatizar a elaboración dos informes periciais psicosociais do sistema xudicial galego. O Goberno galego asinou un convenio cunha entidade privada para aliviar a sobrecarga de traballo nestes informes, en lugar de consolidar as prazas de reforza que xa existían na administración pública.
O pasado mes de maio, a vicepresidencia segunda de Xustiza e Deportes asinou un convenio coa Asociación Nacional de Peritaje Social (ANPS) e co Colexio de Psicoloxía de Galicia, para a realización de informes periciais psicosociais.
Actualmente, os profesionais do IMELGA (Instituto de Medicina Legal de Galicia) eran quen realizaban estes informes periciais psicosociais. Este órgano ten como función elaborar os informes requeridos polas autoridades xudiciais e fiscais, como podería ser un informe pericial social, realizado por profesionais do Traballo Social.
Para limitar os atrasos nos informes, o IMELGA contaba ata agora con equipos de reforzo. Ditos equipos naceron como un apoio puntual, pero co compromiso da Xunta de crear prazas para resolver un problema de demora estrutural.
Malia o compromiso do Goberno galego, estes equipos de reforzo no IMELGA desaparecerán este mes de xullo e serán substituídos por esta entidade privada. “A firma deste convenio destrúe os equipos de reforzo, no que semella un novo ataque ao sector público en beneficio do sector privado”, critican dende o COTSG.
“Dende o COTSG negámonos a asinar este convenio, que privatizaría uns informes realizados ata agora polo sistema público. O noso compromiso é coa creación e reforzo dos servizos públicos, nunca coa externalización”, insisten.
Dende o Colexio de Traballo Social de Galicia recordan que en 2017, o Tribunal Superior de Xustiza xa instara á dirección xeral de Xustiza a ampliar urxentemente as plantillas do IMELGA. Isto debíase ao progresivo aumento da demanda xudicial para a realización de informes psicosociais de asuntos tanto penais como civís, de gran complexidade relacionados coa violencia de xénero, delitos sexuais, menores, discapacidade ou persoas con necesidades de especial protección.
O COTSG insta a Xunta a que revoque o citado convenio e dote o IMELGA de persoal estable que permita realizar un traballo de calidade e con garantías na atención as persoas usuarias, en lugar de externalizar o servizo. “O funcionamento deste servizo é básico para o bo funcionamento da Xustiza”, conclúen.