O Colexio Oficial de Traballo Social de Galicia (COTSG) estivo presente no acto institucional celebrado na Coruña con motivo do 25N, Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra as Mulleres, que nesta edición puxo especialmente o foco nas novas manifestacións da violencia machista no ámbito dixital.
En representación do Colexio asistiu María Olivares Lemos, técnica da Área Científica e Formación do COTSG, nun encontro que reuniu profesionais, entidades sociais, persoas expertas e representantes de diferentes ámbitos implicados na prevención e atención das violencias contra as mulleres.
O acto celebrouse no Coruña Estudio Inmersivo e desenvolveuse en formato coloquio, combinando testemuños, datos e recursos audiovisuais para abordar as distintas formas nas que a violencia de xénero pode trasladarse tamén ás redes sociais, aos dispositivos móbiles e ao resto de espazos dixitais.
Novas respostas fronte ás violencias dixitais
Un dos eixos centrais do encontro foi a presentación das medidas previstas na futura Lei galega contra o acoso e a violencia dixital, actualmente en tramitación.
O director xeral de Loita contra a Violencia de Xénero, Roberto Barba, explicou algunhas das ferramentas que contempla a nova regulación para responder a fenómenos como o ciberacoso ou a difusión non consentida de contido íntimo, así como para reforzar a prevención, a detección temperá e a formación das e dos profesionais que traballan coas vítimas.
A evolución das tecnoloxías e das formas de relación fai necesario adaptar tamén os mecanismos de prevención e intervención. O control a través do teléfono móbil, o seguimento nas redes, as ameazas ou a difusión de imaxes sen consentimento poden formar parte de situacións de violencia que non rematan cando a persoa abandona un espazo físico.
A importancia de detectar e non normalizar
No encontro participou tamén Encarni Iglesias, presidenta da Asociación Stop Violencia de Género Digital, quen chamou a atención sobre o incremento dos casos relacionados coa violencia exercida a través de internet e sobre a necesidade de non normalizar este tipo de condutas.
A entidade desenvolve labores de atención e acompañamento a vítimas de delitos como o ciberacoso e traballa especificamente na sensibilización e prevención das violencias dixitais.
O acto incorporou tamén o testemuño en primeira persoa dunha vítima de violencia de xénero e a participación de profesionais das Forzas e Corpos de Seguridade que interveñen neste ámbito, reforzando a idea de que a resposta require coordinación entre diferentes sistemas e profesionais.
A mirada do Traballo Social ante novas formas de violencia
Para o COTSG, a aparición de novas expresións da violencia de xénero reforza a necesidade de contar con profesionais preparados para detectar, valorar e acompañar situacións cada vez máis complexas, nas que o ámbito dixital pode convivir con outras formas de control, illamento ou violencia.
O Traballo Social desempeña un papel fundamental na detección de factores de risco, no acompañamento ás vítimas, na activación das redes de apoio e na coordinación cos recursos sociais, sanitarios, educativos, xudiciais e de seguridade.
A presenza do Colexio neste tipo de encontros permite coñecer de primeira man novos recursos e marcos de intervención e trasladar posteriormente esa información á colexiación, contribuíndo a reforzar unha resposta profesional coordinada, especializada e adaptada ás novas realidades sociais.
Desde o COTSG continuaremos participando nos espazos de sensibilización, formación e coordinación que contribúan á prevención e á eliminación de todas as formas de violencia contra as mulleres, tamén aquelas que se producen detrás dunha pantalla.
Se estás a vivir unha situación de violencia de xénero, podes contactar co 016.

