O COTSG, presente na gala dos Premios Gallegos del Año 2026

O Colexio Oficial de Traballo Social de Galicia (COTSG) estivo presente na gala de entrega dos Premios Gallegos del Año 2026, celebrada o 26 de novembro na Cidade da Cultura de Galicia, en Santiago de Compostela.

O Colexio estivo representado pola súa presidenta, Rosario Capelo Casas, e pola vicepresidenta, Ana Carracedo Aldrey, que participaron nun encontro que reuniu representantes de diferentes ámbitos da sociedade galega arredor do recoñecemento ao talento, á traxectoria profesional e á contribución ao desenvolvemento de Galicia.

Organizados por El Correo Gallego, os galardóns alcanzaron este ano a súa 34ª edición e distinguiron cinco referentes procedentes de ámbitos como a economía, o deporte, a investigación científica, a cultura e a industria.

 

Cinco traxectorias recoñecidas

Nesta edición foron recoñecidos Ignacio Rivera, presidente executivo de Corporación Hijos de Rivera, no ámbito da economía e o emprendemento; a piragüista Teresa Portela, en cultura e deporte; a catedrática e investigadora Carmen Álvarez Lorenzo, en ciencia e investigación; o músico e constructor de instrumentos Abraham Cupeiro, en artes e comunicación; e Pedro Fernández Puentes, vinculado durante décadas ao desenvolvemento da industria farmacéutica e biotecnolóxica galega, no ámbito de política e sociedade.

As súas traxectorias representan diferentes formas de contribuír á proxección de Galicia desde a investigación, a cultura, o deporte, a empresa e o desenvolvemento social e económico.

 

O Traballo Social, presente nos espazos da sociedade galega

Para o COTSG, participar neste tipo de encontros supón tamén unha oportunidade para reforzar a presenza e a visibilidade do Traballo Social no conxunto da sociedade galega, compartindo espazo con institucións, entidades e profesionais procedentes de ámbitos moi diversos.

A representación institucional do Colexio nestes foros contribúe a tecer relacións, favorecer o coñecemento da profesión e situar o Traballo Social nos espazos nos que se recoñecen e comparten iniciativas, traxectorias e proxectos que contribúen ao avance de Galicia.

Desde o COTSG continuamos apostando por unha profesión presente na sociedade, conectada con outros sectores e capaz de achegar a súa mirada aos principais retos sociais de Galicia.