O COTSG presenta achegas ao Plan de prevención de condutas adictivas en Galicia 2026–2030

Data: Outubro 30, 2026

O Colexio Oficial de Traballo Social de Galicia (COTSG) formulou as súas achegas institucionais ao Plan de prevención de condutas adictivas en Galicia 2026–2030, no marco do proceso de participación pública impulsado pola Dirección Xeral de Saúde Pública da Xunta de Galicia.

As propostas elaboráronse a partir das achegas profesionais recibidas e da experiencia do Traballo Social nos ámbitos comunitario, sanitario, educativo e de inclusión social, co obxectivo de reforzar a dimensión social, territorial e comunitaria das políticas de prevención.

O COTSG valora positivamente que o futuro Plan incorpore cuestións como a equidade, a atención ás situacións de vulnerabilidade, a dimensión territorial e a coordinación entre os sistemas sanitario, educativo, social, laboral e municipal.

Ao mesmo tempo, o Colexio considera imprescindible que a prevención das condutas adictivas non se centre unicamente no consumo ou na conduta individual, senón que teña en conta factores como a situación económica, a vivenda, a contorna familiar, as redes de apoio, o emprego, a educación, o territorio ou as situacións de exclusión e vulnerabilidade.

Seis propostas para reforzar a perspectiva social

O documento presentado polo COTSG articúlase arredor de seis propostas principais:

1. Incorporar o Traballo Social ao estudo de ratios profesionais

O Colexio propón que o estudo de ratios previsto no Plan non se limite ao número global de profesionais, senón que analice de maneira diferenciada a presenza do Traballo Social, a súa distribución territorial e as necesidades específicas segundo factores como a ruralidade, a dispersión xeográfica, a vulnerabilidade social ou as dificultades de acceso aos recursos.

O obxectivo é poder detectar territorios con déficits de cobertura e garantir unha composición verdadeiramente interdisciplinar dos equipos.

2. Presenza do Traballo Social nos equipos de prevención móbiles

Ante a previsión de estudar a creación de equipos autonómicos de prevención de carácter móbil, o COTSG propón que estes teñan unha composición interdisciplinar e incorporen expresamente profesionais do Traballo Social.

Esta presenza considérase especialmente relevante en zonas rurais, dispersas ou con menor dispoñibilidade de recursos, onde resulta necesario coñecer o contexto comunitario, valorar as condicións sociofamiliares e coordinar a intervención cos servizos sociais municipais e outros sistemas de protección.

3. Mellorar a coordinación na detección precoz con menores

O COTSG propón que os protocolos de detección precoz e intervención temperá dirixidos a persoas menores de idade incorporen un marco común de coordinación entre saúde, educación e servizos sociais.

Entre outras cuestións, considérase necesario establecer criterios compartidos de detección, mecanismos claros de derivación e comunicación, responsabilidades no seguimento e procedementos de retorno de información.

Neste ámbito, o Colexio reivindica o papel específico do Traballo Social na valoración dos factores sociofamiliares, comunitarios e de vulnerabilidade.

4. Participar no deseño do módulo social do SICA-Galicia

O Plan prevé o desenvolvemento dun Sistema Integrado de Condutas Adictivas de Galicia (SICA-Galicia), no que se incluirá un módulo social e contextual.

O COTSG propón que profesionais do Traballo Social participen no seu deseño técnico, na selección das variables e indicadores e na súa interpretación, incorporando aspectos como a situación socioeconómica, a estrutura familiar, as redes de apoio, a vivenda, o emprego, a escolarización, a ruralidade ou o acceso efectivo aos recursos.

5. Manter a participación profesional durante todo o Plan

Para o COTSG, a participación non debería finalizar coa consulta pública inicial.

O Colexio propón crear espazos estables de participación técnica e interdisciplinar durante o período 2026–2030 e manifesta a súa disposición a colaborar en grupos técnicos, comisións ou espazos de coordinación nos que resulte de interese incorporar a experiencia profesional do Traballo Social.

6. Reforzar os indicadores sociais, territoriais e de vulnerabilidade

Por último, o COTSG considera necesario que a avaliación do Plan non mida unicamente o volume de actuacións realizadas, senón tamén a súa capacidade real para chegar ás persoas e territorios con maiores dificultades.

Entre os indicadores propostos atópanse a cobertura dos programas en contornas rurais e urbanas, a participación de persoas en situación de vulnerabilidade, as barreiras de acceso, os tempos de resposta e o grao de coordinación entre os sistemas sanitario, educativo e social.

Defender unha prevención integral e comunitaria

Desde o COTSG defendemos que a prevención das condutas adictivas debe abordarse desde unha perspectiva integral, interdisciplinar, comunitaria e baseada na equidade, incorporando os factores sociais e contextuais tanto á análise das necesidades como ao deseño das intervencións e á avaliación dos resultados.

A presenza do Traballo Social nos equipos, estruturas e espazos de planificación pode contribuír a reforzar a coordinación entre os ámbitos sanitario, educativo e social, especialmente na intervención con persoas menores, familias, colectivos en situación de vulnerabilidade e territorios con menor cobertura de recursos.

Con estas achegas, o COTSG continúa desenvolvendo o seu labor de representación e defensa profesional, trasladando ás administracións públicas propostas concretas baseadas na experiencia da profesión e contribuíndo á construción de políticas públicas máis próximas ás realidades sociais da poboación.

Revisa o Plan completo de prevención de condutas adictivas en Galicia 2026–2030:
Plan de prevención de condutas adictivas en Galicia

Consulta o documento completo de achegas presentado polo COTSG:
Proposta enviada á Dirección Xeral de Saúde Pública