O COTSG participa nunha xuntanza coa líder do BNG Ana Pontón sobre a situación da dependencia en Galicia
Data: Decembro 27, 2024

Este luns, 30 de outubro, o Colexio Oficial de Traballo Social de Galicia (COTSG) participou nunha xuntanza coa líder do BNG, Ana Pontón, e o deputado, Luís Bará. Na cita co grupo parlamento nacionalista estiveron presentes distintos axentes sociais para abordar a situación da dependencia en Galicia. Por parte do COTSG, asistiron a presidenta, Miriam Rodríguez; a secretaria do COTSG e responsable en materia de dependencia, Ana Rodríguez, e o coordinador, David Gontán.

“Precisamos un sistema público forte, con persoal formado e co investimento necesario para poder implementalo. A iso súmase, dende o punto de vista da profesión, as condicións dos e das traballadoras sociais, cunha situación de temporalidade e inestabilidade, ademais dunha habitual falta de recursos, exceso de burocracia e excesiva carga de traballo”, sinalaron as representantes do COTSG.

Abordando concretamente a situación da dependencia en Galicia, as representantes do COTSG fixeron alusión á medida anunciada pola Xunta e avalada pola Valedora do Pobo de ofrecer bonos para persoas que esperan a resolución da dependencia. “Unha medida electoralista, que non soluciona o problema estrutural do sistema público”, sinalaron.

Durante a xuntanza, Ana Rodríguez subliñou o feito de que a Lei 39/2006 acostúmase a chamarse “Lei de Dependencia”, malia que a norma abrangue tanto a prevención de persoas en situación de dependencia, como a promoción da autonomía persoal dos dependentes.

As representantes do COTSG insistiron na necesidade de que o goberno galego preste “uns servizos públicos de calidade, á vez que garante as boas condicións laborais do persoal laboral”. Neste sentido, o COTSG recordou que sectores como o SAF carecen do persoal suficiente, repercutindo directamente nas persoas usuarias. “Ademais, a maior parte do persoal do SAF son mulleres, cuxas condicións laborais repercuten nun aumento da fenda de xénero”, sinalan dende o COTSG.

Respecto das residencias, a presidenta do COTSG recordou a falta de prazas na rede pública e a rutina do goberno galego de privatizar este tipo de servizos. Neste senso, dende o COTSG recordan a singularidade das zonas rurais, “onde existen menos servizos, dando lugar a un illamento das persoas dependentes”. A isto súmase, “a necesidade de traballar no eido da saúde mental, dotar de recursos aos centros e mellorar as condicións do persoal que presta os servizos”.

En resumo, as representante do COTSG aproveitaron a xuntanza para sinalar “o existente problema estrutural no sistema de servizos sociais, que se contrapón ao novo modelo de servizos públicos proposto polo Traballo Social”. Neste sentido, recórdase que o COTSG organiza unha xornada sobre este novo modelo o 17 de novembro gratuíta en Santiago de Compostela.