O Colexio Oficial de Traballo Social de Galicia (COTSG) participou na última reunión da Mesa Local de Coordinación Interinstitucional contra a Violencia de Xénero de Santiago de Compostela, celebrada baixo a presidencia da alcaldesa, Goretti Sanmartín, e coa presenza de representantes de diferentes ámbitos institucionais, profesionais e sociais.
En representación do COTSG asistiu a nosa técnica María Olivares, reforzando a presenza do Traballo Social neste espazo de coordinación e prevención fronte ás violencias machistas.
A Mesa Local reúne administracións, forzas e corpos de seguridade, profesionais dos servizos sociais e sanitarios, Universidade, avogacía, entidades sociais e feministas, entre outros axentes, co obxectivo de mellorar a coordinación das intervencións, a atención ás vítimas e as accións de prevención. O propio acordo de constitución da Mesa contempla a participación dun representante do Colexio Oficial de Traballo Social de Galicia.
Máis prevención e sensibilización entre a mocidade
Durante a reunión analizáronse os datos dispoñibles sobre a incidencia da violencia de xénero en Santiago. Segundo a información difundida polo Centro de Información ás Mulleres (CIM), no último período observouse tanto un aumento das denuncias policiais como das consultas recibidas no servizo municipal.
Un dos principais focos de atención foi a poboación máis nova. A memoria do CIM sinala que as mulleres de entre 17 e 25 anos continúan sendo o grupo de idade que menos recorre aos recursos municipais especializados, polo que a Mesa acordou intensificar as actuacións de sensibilización neste segmento da poboación.
Entre as medidas previstas atópanse o reforzo das accións no ámbito educativo e a elaboración de materiais de difusión especificamente dirixidos á mocidade.
Reactivación dos grupos de traballo antes de finalizar o ano
Outro dos acordos adoptados foi convocar antes de que remate o ano os dous grupos específicos vinculados á Mesa:
- Prevención e educación en valores de igualdade, centrado na sensibilización e no traballo preventivo.
- Coordinación das intervencións e seguimento de casos, orientado a mellorar a resposta coordinada entre os distintos recursos e profesionais implicados.
A coordinación entre sistemas resulta especialmente relevante nun ámbito no que a intervención require integrar apoio social, atención psicolóxica, asesoramento xurídico, recursos sanitarios, educativos e de seguridade, adaptando a resposta ás circunstancias de cada muller.
Aumento da atención nos servizos municipais de igualdade
Os datos achegados polo CIM indican que desde 2023 aumentou un 26,97 % o número de persoas atendidas polos servizos municipais de Igualdade. No último ano, o 85,23 % das persoas atendidas tiñan entre 26 e 64 anos.
Entre as situacións que chegan con maior frecuencia ao servizo figuran os casos de violencia de xénero exercida pola parella ou exparella, os procesos de separación, divorcio ou garda e custodia, así como dificultades nas relacións persoais e familiares. O CIM identifica a violencia de xénero como un dos principais factores de risco que condicionan o desenvolvemento persoal das mulleres atendidas.
O papel do Traballo Social na coordinación e no acompañamento
Desde o COTSG consideramos fundamental a participación do Traballo Social nos espazos de coordinación interinstitucional, tanto pola súa función de detección e valoración das situacións de vulnerabilidade como pola súa capacidade para articular recursos, acompañar procesos e conectar os diferentes sistemas implicados.
A presenza do Colexio nesta Mesa permite tamén trasladar a perspectiva profesional do Traballo Social aos espazos nos que se deseñan e coordinan medidas de prevención, atención e seguimento fronte á violencia de xénero.
O COTSG continuará participando nestes espazos de traballo e colaboración institucional para contribuír a unha resposta máis coordinada, preventiva, accesible e centrada nas necesidades das mulleres.

