O COTSG denuncia ante a valedora do pobo a falta de transparencia e de colaboración entre administracións do Concello de Ribadumia
Data: Novembro 25, 2024

O Colexio Oficial de Traballo Social de Galicia (COTSG) acaba de presentar unha queixa ante a valedora do pobo para instar ao Concello de Ribadumia a facilitar a documentación relativa aos procesos de contratación da praza de Traballo Social.

Segundo se puxo en coñecemento do COTSG, o Concello de Ribadumia realizou nos últimos anos varios procesos de contratación dunha praza de Traballo Social, co obxectivo de cubrir a situación de incapacidade temporal da persoa titular da praza. Non obstante, de acordo co que as persoas colexiadas trasladaron ao COTSG, os procedementos sufriron múltiples irregularidades, entre elas, a falta de publicidade do proceso.

Co obxectivo de coñecer os detalles destas posibles irregularidades, o COTSG reclamou ao Concello de Ribadumia a documentación relativa a estes procedementos de contratación. Dende marzo de 2021, o COTSG solicitou ao Concello de Ribadumia ata en 3 ocasións que facilitase esta documentación, pero a administración local nunca respondeu a esta solicitude.

Dadas as circunstancias, o COTSG decidiu acudir á valedora da pobo para instar ao Concello de Ribadumia a cumprir coas súas obrigas en materia de transparencia e facilitar a documentación relativa ao proceso de contratación. Asemade, dende o COTSG lamentan a falta de colaboración do Concello de Ribadumia con outras administracións.