O COTSG conmemorou o Día Mundial da Saúde Mental cunha mesa redonda sobre o papel da profesión neste ámbito
Data: Novembro 24, 2024

O Colexio Oficial de Traballo Social de Galicia reivindicou o Día Mundial da Saúde Mental na súa véspera, cunha xornada centrada na posta en valor da profesión neste ámbito. Así, onte 9 de outubro, o COTSG acolleu unha xornada mixta, online e presencial, cunha mesa de debate na que poñer en valor a figura do traballo social no ámbito da saúde mental. Dende o COTSG, agradécese a asistencia tanto do público, que estivo presente en formato online ou presencial, como das tres profesionais que interviron nesta mesa.  

Na mesa participaron tres profesionais do ámbito da saúde mental, Karina Muñoz Rodríguez, médica especialista en psiquiatría na área sanitaria de Vigo (Hospital Álvaro Cunqueiro); Aroa Álvarez Duarte enfermeira especialista en psiquiatría na área sanitaria de Vigo e supervisora da Unidade de psiquiatría do Hospital Álvaro Cunqueiro, e Rosabel Rodríguez Ku; traballadora social na Asociación Avelaíña Saúde Mental en Ponteareas e integrante do Grupo de Traballo de Saúde Mental do COTSG. 

A xornada desenvolveuse cunha breve exposición de cada unha das poñentes sobre a súa experiencia e o traballo do día a día nos equipos de saúde mental, finalizando cunha rolda de dúbidas e preguntas na que se puxo en valor a figura do traballo social no ámbito da saúde mental. 

Karina Muñoz verbalizou o cambio do perfil de pacientes ingresados/as que arrastran problemáticas sociais, subliñando que o perfil de persoas atendidas ten un carácter especialmente vulnerable, debido á patoloxía da enfermidade. Ademais, a médica reivindicou a importancia da coordinación entre profesionais para poder atender de maneira máis global a problemática de pacientes de cara á súa recuperación. 

Pola súa parte, Aroa Álvarez, falou sobre a Unidade de Agudos, onde atenden a persoas en crise co obxectivo da recuperación, tratando de que o ingreso sexa o menos tempo posible, unha vez alcanzada a recuperación da fase aguda.  Contan cun equipo interdisciplinar entre profesionais de psicoloxía, enfermería, psiquiatría e traballo social, para poder atender dun xeito máis integral, coas bases da comunicación coordinación e traballo en equipo. Neste sentido, realizan reunións diarias para valorar a situación de cada persoa, na cal se planifica a atención e os coidados a nivel individual e grupal das persoas atendidas. 

Rosabel Rodríguez mostrou pola súa banda como as dificultades sociais e situación actual global afectan á saúde. A traballadora social expuxo o seu traballo diario dentro da Asociación Avelaíña Saúde Mental na que contan con varios programas de apoio integral onde interveñen diferentes disciplinas con fins terapéuticos, atención psicolóxica, de traballo e educación social.  

A traballadora social destacou a importancia do acompañamento social na vida diaria das persoas usuarias con diversidade de historias e de situacións que requiren de apoio para comprender a situación que están vivindo. Neste sentido, Rosabel puxo o foco no vínculo e nas relacións de confianza validando a situación de cada persoa sen facer xuízos de valor, sobre todo, tendo en conta o estigma que ten o ámbito da saúde mental a nivel social e comunitario.  

Rosabel rematou a súa exposición destacando a importancia de interdisciplinariedade neste sector, así como a importancia da saúde mental nas profesionais, dada a exposición do Traballo Social e outras profesións aos riscos psicosociais e ao queime profesional.  

A xornada rematou cun debate e rolda de preguntas das persoas asistentes presencial e a través da plataforma online tratando temas dende a falta de recursos e diferenzas de atención en función da área sanitaria ou como mellorar a comunicación entre profesionais. En conclusión, o COTSG pechou así unha xornada de reivindicación da saúde mental e posta en valor do papel do Traballo Social neste ámbito. 

Neste sentido, o COTSG publica neste link o seu manifesto con motivo desta xornada.