O COTSG celebra unha mesa redonda o 9 de outubro con motivo do Día Mundial da Saúde Mental
Data: Novembro 25, 2024

O Colexio Oficial de Traballo Social de Galicia (COTSG), xunto co seu grupo de traballo de Saúde Mental, organiza unha mesa redonda baixo o título “O papel do Traballo Social no ámbito da Saúde Mental”. A cita será o vindeiro luns 9 de outubro, véspera da celebración do Día Mundial da Saúde Mental, que se celebra o 10 de outubro. O lema deste ano é “Saúde mental, saúde mundial. Un dereito universal”, unha idea á que se suma o COTSG.  

Este encontro terá lugar o luns, 9 de outubro ás 17:30 na sede do COTSG, en Santiago de Compostela. Contarase coa presencia de tres profesionais do ámbito da saúde mental: unha psiquiatra, unha enfermeira e unha traballadora social. As tres poñentes falarán sobre a situación actual no ámbito da saúde mental, o traballo en equipo e a coordinación entre as diferentes profesións, rematando cun debate entre as invitadas e as persoas participantes. 

Dende o COTSG, quérese resaltar nesta cita o apoio ás persoas enfermas e ás súas familias, así como resaltar o papel do Traballo Social nos equipos de traballo multidisciplinares 

Haberá aforo limitado, as persoas interesadas en asistir poden reservar a súa praza enviando un correo a grupodetraballo@traballosocial.gal ou chamando ao teléfono 60407636.