A Xunta de Galicia abriu o prazo de participación pública do Plan de prevención de condutas adictivas en Galicia 2026–2030, a nova estratexia que orientará as políticas públicas de prevención das adiccións durante os vindeiros anos. O proceso permanecerá aberto ata o 31 de outubro de 2026.
Desde o Colexio Oficial de Traballo Social de Galicia (COTSG) queremos promover a participación das e dos profesionais do Traballo Social neste proceso, incorporando á consulta a experiencia acumulada desde os servizos sociais, o ámbito sanitario, educativo, comunitario e de inclusión social.
O novo Plan parte da avaliación do marco anterior e da análise dos datos máis recentes de consumo, e introduce cambios relevantes como a incorporación das adiccións sen substancia, unha maior atención ao xogo e ás condutas dixitais, a perspectiva de xénero e equidade, así como un reforzo da coordinación entre os ámbitos sanitario, educativo, social, laboral e municipal.
Por que é importante a mirada do Traballo Social?
A prevención das condutas adictivas non pode abordarse unicamente desde unha perspectiva sanitaria. Factores como o contorno familiar, a situación económica, a vivenda, as redes de apoio, o emprego, a educación ou a participación comunitaria condicionan tanto os riscos como as posibilidades de prevención e recuperación.
Por iso, desde o COTSG consideramos fundamental incorporar unha mirada social, comunitaria e de equidade que permita deseñar actuacións preventivas máis próximas á realidade das persoas e dos territorios.
Fai chegar as túas propostas ao COTSG
As persoas profesionais que desexen participar poden enviar ao Colexio as súas propostas, valoracións ou suxestións para incorporalas a unha achega conxunta do COTSG.
Correo electrónico: info@traballosocial.gal
Asunto: APORTACIÓN PREVENCIÓN CONDUCTAS ADICTIVAS
Prazo para enviar achegas ao COTSG: ata o 26 de outubro de 2026
As contribucións recibidas servirán para elaborar unha proposta profesional conxunta en representación do Colexio.
Tamén podes participar directamente
Calquera persoa interesada pode presentar a súa achega individualmente a través do Portal de Transparencia da Xunta de Galicia. O prazo oficial está aberto do 14 ao 31 de outubro de 2026.
Consulta o Plan e participa:
https://transparencia.xunta.gal/participacion-plans-programas/-/participacion/0022/plan-prevencion-conductas-adictivas-galicia-2026-2030
Desde o COTSG animamos á colexiación a participar e a contribuír, desde a práctica profesional, á construción de políticas preventivas máis integrais, coordinadas e adaptadas ás necesidades sociais da poboación.

