As principais novidades
Financiamento: garantía dunha achega estatal do 50 %
A nova redacción do artigo 32 da Lei de Dependencia establece que a Administración Xeral do Estado deberá garantir unha financiación equivalente ao 50 % do gasto total certificado por cada comunidade autónoma no exercicio anterior, excluíndo a achega realizada polas persoas beneficiarias. Esta previsión reforza a corresponsabilidade financeira entre o Estado e as comunidades autónomas no sostemento do Sistema para a Autonomía e Atención á Dependencia (SAAD).Esta reforma chega ademais despois do incremento extraordinario de financiamento aprobado en xuño de 2026, que mobiliza máis recursos para o sistema e incrementa as contías do nivel mínimo estatal segundo o grao de dependencia.
Prazo máximo de tres meses para resolver a dependencia
O procedemento para o recoñecemento da situación de dependencia terá un prazo máximo de tres meses para a súa resolución. A norma mantén a competencia das comunidades autónomas para resolver e establece tamén a posibilidade de tramitar con carácter urxente determinados expedientes cando concorran circunstancias de especial vulnerabilidade.Para o Traballo Social, este cambio ten especial relevancia nun procedemento no que a valoración das circunstancias persoais, familiares, sociais e do contorno resulta determinante para organizar os apoios que precisa cada persoa.
Nova equivalencia entre dependencia e discapacidade
A reforma introduce unha novidade importante, pero convén explicala con precisión.A efectos da Lei Xeral de dereitos das persoas con discapacidade:
- o grao I de dependencia equipárase a un 33 % de discapacidade;
- os graos II e III equipáranse a un 65 % de discapacidade.
Esta equiparación produce efectos nos ámbitos previstos pola propia lei ou por outras normas que expresamente a contemplen e non se aplica ao ámbito tributario. A persoa poderá, en todo caso, solicitar unha valoración do seu grao real de discapacidade.Polo tanto, resulta máis exacto falar de equiparación legal de determinados graos de dependencia e discapacidade que dun recoñecemento automático xeral para todos os efectos.
Máis posibilidades para combinar servizos e prestacións
A reforma estatal elimina o réxime xeral de incompatibilidades da Lei de Dependencia para facilitar unha atención máis personalizada e permitir a combinación de diferentes servizos e prestacións dentro das intensidades correspondentes a cada grao. Porén, isto non significa que todas as incompatibilidades desaparezan inmediatamente, xa que os réximes autonómicos continúan vixentes.O texto establece que as comunidades autónomas deberán adaptar os seus sistemas antes do 1 de xaneiro de 2030 para garantir a compatibilidade das prestacións de base domiciliaria.
Reforzo da asistencia persoal e da vida independente
A asistencia persoal consolídase como un servizo orientado á autonomía, á vida independente e á inclusión na comunidade, dispoñible para persoas en situación de dependencia con independencia da idade ou do grao recoñecido. A intervención deberá organizarse conforme ao proxecto de vida, ás necesidades e á vontade e preferencias da persoa.A reforma tamén prevé o desenvolvemento dun marco formativo específico para as persoas profesionais que presten este servizo.
Novos apoios para permanecer no domicilio e na comunidade
O catálogo avanza cara a un modelo con maior peso dos recursos de proximidade. Entre outras medidas, regúlanse os coidados e apoios en vivendas, amplíanse as posibilidades do servizo de axuda no fogar e incorpórase a provisión de produtos de apoio para favorecer a autonomía persoal.A teleasistencia tamén se configura como un servizo complementario ao resto das prestacións recoñecidas no Programa Individual de Atención, independentemente do grao de dependencia.
Máis apoio ás persoas coidadoras
O texto incorpora a figura da persoa coidadora principal e prevé que se establezan criterios comúns mínimos para desenvolver servizos de apoio ás persoas familiares ou conviventes que realizan coidados non profesionais. Entre as actuacións previstas figuran orientación e acompañamento, apoio psicolóxico, respiro, formación e asesoramento para previr a sobrecarga.
Un cambio de enfoque no sistema de coidados
A reforma introduce de maneira transversal conceptos como proxecto de vida, vontade, desexos e preferencias, vida independente, atención personalizada e participación na comunidade. O Programa Individual de Atención deberá determinar os coidados e apoios tendo en conta estas preferencias e, cando a proposta dos servizos sociais se aparte delas, deberá motivarse.Desde a perspectiva do Traballo Social, a aplicación práctica deste novo marco afectará directamente á valoración social, á elaboración e revisión dos programas individuais de atención, á coordinación entre sistemas, ao acompañamento das persoas e familias e ao desenvolvemento dos servizos comunitarios.O COTSG continuará facendo seguimento do desenvolvemento e aplicación das novas medidas e das súas repercusións para a práctica profesional do Traballo Social en Galicia.Consulta a información oficial sobre a aprobación definitiva no Congreso dos Deputados:
Congreso dos Deputados – aprobación da reforma das leis de Discapacidade e Dependencia

