Desde o Colexio Oficial de Traballo Social de Galicia vimos denotando nos últimos meses unha desvirtuación e falta de coñecemento da praxe profesional do Traballo social, así como das actividades levadas a cabo no Sistema de Servizos sociais por parte de dos diferentes Organismos Públicos. Por tal motivo, emitimos o documento que aquí se presenta informando do obxecto e da esencia da profesión científica do Traballo social para garantir un correcto funcionamento do Sistema de Servizos Sociais e unha axeitada coordinación cos outros Sistemas de Protección.
O/a Traballador/a social — profesional de referencia dos Servizos Sociais Comunitarios Básicos (Art. 29 da Lei de Servizos Sociais) — emprega diferentes estratexias e ferramentas dentro da intervención social para que as persoas usuarias aprendan a utilizar os seus propios recursos e descubra os que a comunidade lles ofrece, coa finalidade de que logre satisfacer as súas necesidades básicas, supere os seus problemas sociais, mellore a súa vinculación dentro da súa familia e nos espazos de estudo e traballo.
Sen embargo, neste proceso de acompañamento social, as e os profesionais do Traballo social no Sistema de Servizos sociais están expostos/as, cada vez mais, a unha sobrecarga excesiva de funcións, mais aínda daquelas non directamente relacionadas co obxecto da intervención social.
En moitos dos casos, presuponse que o perfil de traballador/a social é un axente tramitador e administrativo —en concreto, do Ingreso Mínimo Vital, entre outros—para aquelas persoas nunha situación máis vulnerable ou de exclusión social; nada máis lonxe da realidade, afastándose totalmente da esencia do Traballo Social como profesión científica
O apoio ás persoas usuarias na realización de trámites e xestións básicas, como a elaboración de declaracións xuradas ou cumprimentación de solicitudes para outras Administracións, non é unha función intrínseca ao Traballo Social ou dos Servizos Sociais Comunitarios Básicos, senón unha responsabilidade e obriga dos Organismos Públicos correspondentes, que deberán, por unha banda, facilitar e axilizar o máximo posible as xestións (sobre todo para aquelas persoas máis vulnerables) e por outra, asumir a dita carga a través da dotación de persoal que atenda a demanda existente.
Moitas persoas que acceden, por exemplo, ao Ingreso Mínimo Vital, están en situación de risco e de vulnerabilidade, con dificultades de acceso ao sistemas informáticos, escaneo de documentación así como competencias necesarias para poder aportar e comprender toda a información requirida. Esta carencia, sumada ás dificultades de habilitación de canles de atención persoalizada nas Oficinas do INSS, desorienta á cidadanía mais vulnerable as cales deben de recorrer a outros servizos e espazos públicos, como Servizos sociais ou entidades sociais para informarse e procurar solucións, o que está multiplicando o traballo administrativo.
Os Organismo públicos encargados dos trámites burocráticos deben habilitar canles reais de atención persoalizada á cidadanía, con máis persoal, maior axilidade, simplificación e flexibilidade na tramitación.
Nesta crise sanitaria e social actual, o aumento de necesidades e demandas causadas pola pandemia evidenciou as debilidades do sistema, funcionando os Servizos Sociais como diques de contención sen contar cunha estrutura orgánica funcional o suficientemente dotada.
Se o propio Sistema de Servizos Sociais non ten a capacidade na actualidade, en canto á dotación de persoal e recursos/servizos, de asumir todo o que lle corresponde por Lei, menos terá se se lle atribúen funcións e competencias alleas á súa responsabilidade.
En virtude do exposto, este Colexio Oficial debe protexer e velar polos dereitos das persoas usuarias e dos/as traballadores/as sociais que as atenden, polo que SOLICITA:
- Sexan tidas en conta estas consideracións, fundamentadas na lexislación de referencia e na realidade estudada.
- Sexan respectadas as funcións dos/as traballadores/as sociais de referencia co obxectivo de que podan desempeñar a súa labor en prol das persoas e manter a súa esencia coa intervención social.
- A aposta pola dotación suficiente de persoal administrativo no Sistema de Garantía de Rendas para asumir a carga da tramitación da nova prestación e a dotación de persoal especializado e técnico nese mesmo Sistema, traballadores/as sociais, para dar cumprimento ás necesidades da poboación e ao seu acompañamento no seu itinerario individualizado, sobre todo naqueles casos de persoas ou familias máis vulnerables.
- A coordinación entre o Colexio Profesional e as Direccións Provinciais do INSS como canalizadoras das realidades detectadas en todo o referente ao IMV, para estar ambas institucións ao carón das persoas destinatarias que son as que teñen mais dificultades nestes momentos de emerxencia e inseguridade.
- Garantir por parte dos Organismos Públicos non dependentes do Sistema de Servizos Sociais, a atención de calidade, a presencialidade e a información clara e individualizada para aquelas persoas afectadas pola fenda dixital, a accesibilidade, a axilidade e a responsabilidade.