O Colexio Oficial de Traballo Social de Galicia participou no novo Protocolo de Seguridade do Servizo de Axuda no Fogar
Data: Xullo 15, 2026

O Colexio Oficial de Traballo Social de Galicia participou activamente na elaboración e sinatura do Protocolo para a Prevención e Actuación ante Situacións de Violencia Laboral Externa no Servizo de Axuda no Fogar (SAF). Esta participación contou coa colaboración das profesionais integrantes do Grupo de Traballo de Servizo de Axuda no Fogar do Colexio, que achegaron a súa experiencia e coñecemento da realidade do servizo ao proceso de elaboración deste documento.

A participación do Colexio neste acordo responde, ademais, á representación das traballadoras sociais que desempeñan funcións de coordinación no Servizo de Axuda no Fogar, profesionais que forman parte dos equipos do SAF e que tamén poden verse expostas a situacións de violencia laboral externa no exercicio das súas funcións.

Un instrumento para reforzar a protección das profesionais
O protocolo, impulsado pola Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp), establece un marco común para a prevención e actuación ante situacións de violencia laboral externa que poidan producirse durante a prestación do Servizo de Axuda no Fogar.
Entre as medidas que incorpora destacan a identificación e avaliación das situacións de risco, a coordinación entre administracións, empresas e servizos implicados, a definición de procedementos de actuación e a posibilidade de que a profesional interrompa a prestación do servizo cando exista un risco grave para a súa integridade, garantindo en todo momento unha alternativa asistencial para a persoa usuaria.

As traballadoras sociais coordinadoras tamén forman parte do SAF
Dende o Colexio Oficial de Traballo Social de Galicia queremos destacar que a prevención da violencia laboral debe abranguer a todas as profesionais que integran o Servizo de Axuda no Fogar.
As traballadoras sociais coordinadoras desenvolven unha función esencial na organización, planificación e seguimento do servizo. Son as responsables de valorar as necesidades das persoas usuarias, coordinar os recursos, supervisar a prestación do servizo, acompañar ás auxiliares na resolución de incidencias e intervir en situacións de especial complexidade. No desempeño destas funcións tamén poden afrontar situacións de tensión, ameazas ou violencia, polo que resulta imprescindible que as medidas de prevención e protección as inclúan de maneira expresa.

Un acordo froito do diálogo e do compromiso co sector
O protocolo foi impulsado pola Fegamp a raíz do tráxico asasinato dunha profesional do Servizo de Axuda no Fogar no Porriño e é o resultado do traballo conxunto entre administracións, organizacións sindicais, entidades empresariais e este colexio profesional.
Xunto ao Colexio Oficial de Traballo Social de Galicia, subscribiron o documento a Delegación do Goberno en Galicia, o Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral (ISSGA), as organizacións sindicais CIG, CC.OO., CSIF e UGT, e as entidades representativas do sector ASADE e AGESAF.

A necesidade dun compromiso compartido
Dende o Colexio Oficial de Traballo Social de Galicia lamentamos que a Consellería de Política Social e Igualdade non participase na sinatura nin do Protocolo para a Prevención e Actuación ante Situacións de Violencia Laboral Externa no Servizo de Axuda no Fogar nin do documento complementario de compromisos, no que se recollen propostas de modificación normativa orientadas a reforzar a súa aplicación efectiva.
A protección das profesionais do Servizo de Axuda no Fogar require da implicación de todas as administracións con competencias no sistema de coidados. Por iso, confiamos en que poidan retomarse os espazos de diálogo para avanzar cara a un consenso que permita consolidar este marco de protección e dotar o servizo dos cambios normativos e dos recursos necesarios para garantir a seguridade das profesionais e a calidade da atención ás persoas usuarias.
O Colexio Oficial de Traballo Social de Galicia continuará colaborando coas institucións e entidades implicadas para seguir impulsando medidas que reforcen a prevención da violencia laboral externa e dignifiquen o exercicio profesional das persoas que traballan no Servizo de Axuda no Fogar.

Distintos medios recollen a nova: