✨Novedades no procedemento de regularización extraordinaria ✨
O Colexio Oficial de Traballo Social de Galicia informa á súa colexiación sobre as principais claves do procedemento de regularización extraordinaria de persoas migrantes aprobado recentemente polo Ministerio de Inclusión, Seguridade Social e Migracións.
Entre as distintas vías de acceso contempladas, a normativa incorpora un suposto específico vinculado á de atoparse en situación de vulnerabilidade, sinalando que a acreditación de esta situación poderá ser emitida polos Servizos Sociais, ou por Entidades do Terceiro Sector inscritas no Rexistro Electrónico de Colaboradores de
Estranxeiría regulado pola Orde ISM/164/2026, do 2 de marzo.
A estes efectos, considerarase que se atopan en situación de vulnerabilidade as persoas estranxeiras que, atendendo á súa condición administrativa irregular, e ás circunstancias persoais, económicas, sociais, psicosociais, familiares ou habitacionais derivadas da mesma, afecten as súas condicións de vida ou ao acceso efectivo aos seus dereitos.
Para a elaboración do Informe Social será necesario realizar previamente unha entrevista persoal coa persoa solicitante, na que se recollerán os datos relativos á súa situación persoal e social, así como a documentación acreditativa da mesma.
Entre os documentos que poden servir para xustificar dita situación inclúense, entre outros, contratos de alugueiro (aínda que sexa dunha habitación), informes de intervención social emitidos por ONGs, xustificantes de asistencia a comedores sociais ou bancos de alimentos, informes médicos, cartas de apoio da veciñanza ou calquera outro documento que permita evidenciar a situación de vulnerabilidade.
Cómpre ter en conta que non se trata exclusivamente de achegar probas formais ou legais, senón de construír unha visión global, coherente e veraz da realidade persoal e social da persoa solicitante.
Pola súa banda, hai que ter en conta que as persoas que NON requiren a emisión do informe de vulnerabilidade son:
- As solicitantes de Protección Internacional.
- As persoas que poidan acreditar que traballaron, por conta allea ou propia, durante a súa permanencia en España.
- As que acrediten a súa intención de traballar por conta propia mediante declaración responsable.
- As persoas que permanezan en España coa súa unidade familiar, sempre que esta estea composta por menores de idade, por persoas maiores con discapacidade que precisen apoio ou por ascendentes de primeiro grao cos que convivan.
O Colexio lembra que a intervención das e dos profesionais do traballo social resulta fundamental na valoración e acreditación destas situacións, especialmente no ámbito dos servizos sociais e das entidades colaboradoras habilitadas.
Finalmente, indícase que o Ministerio de Inclusión, Seguridade Social e Migracións facilitou un modelo a través da páxina web específica do proceso de regularización.
Compartimos os enlaces de interese principais:
https://traballosocial.gal/wp-content/uploads/2026/04/Entidades-colaboradoras-1.pdf
https://traballosocial.gal/wp-content/uploads/2026/04/PREGUNTAS-Y-RESPUESTAS-3.pdf

