O Colexio de Traballo Social presente en Nairobi: Claves da Conferencia Mundial SWSD 2026
Data: Xullo 8, 2026

A delegación do Colexio Oficial de Traballo Social de Galicia viaxou a Nairobi (Kenia) para participar na Conferencia Mundial Conxunta de Traballo Social, Educación e Desenvolvemento Social (SWSD 2026), un dos eventos máis importantes a nivel global para a nosa profesión. Baixo o lema “Harambee para futuros compartidos sostibles”, a conferencia reuniu a máis de 2.000 profesionais, investigadores, educadores e activistas de todo o mundo co obxectivo de reforzar o compromiso global co desenvolvemento sostible, a xustiza social e a protección dos dereitos humanos.

Delegación galega

En representación do Colexio, acudiron a Nairobi Rosario Capelo (presidenta), David Gontán (coordinador) e Miriam Rodríguez (anterior presidenta). A nosa delegación tivo a oportunidade de participar activamente nas diferentes xornadas, establecer redes de contacto de gran valor internacional e compartir espazos de debate con profesionais de diversas realidades sociopolíticas.

David Gontán, Rosario Capelo e Miriam Rodriguez

Ponencias con acento estatal e reflexións globais

O programa estivo repleto de intervencións de alto nivel. Seguir de preto as achegas dos relatores chegados do resto do Estado. Entre elas, destacou especialmente a ponencia marco de José Manuel Ramírez, que espertou un grande interese entre o auditorio, así como as intervencións doutros profesionais do ámbito estatal que puxeron en valor o modelo de servizos sociais e a práctica profesional do noso país.

Durante o congreso debateronse cuestións cruciais como o impacto dos conflitos armados, o cambio climático nas poboacións vulnerables, as desigualdades económicas e a necesidade urxente de investir en sistemas de protección social universal e servizos públicos fortes. O concepto suahili de Harambee (que significa “tirar todos xuntos”) impregnou cada sesión, lembrando que as comunidades deben liderar o seu propio cambio e non ser meras receptoras pasivas de axuda.

Jose Manuel Ramírez

O papel de ONU- SIDA e os retos globais na saúde social

Outro dos grandes eixes transversais presentes nos debates de Nairobi foi a estreita vinculación entre o traballo social e as estratexias de axencias da ONU como ONUSIDA. Ao celebrarse a conferencia no corazón de África Oriental, unha das rexións historicamente máis afectadas polo VIH, analizouse o impacto desta epidemia dende unha perspectiva sociocomunitaria. De feito, coa presenza e participación de Winnie Byanyima (Directora Executiva de ONUSIDA e Subsecretaria Xeral das Nacións Unidas), púxose de manifesto que o fin do SIDA como ameaza de saúde pública non depende unicamente de avances médicos, senón dun forte enfoque nos dereitos humanos, a erradicación do estigma e a loita contra as desigualdades económicas que dificultan o acceso aos tratamentos, eidos onde os e as profesionais do traballo social desempeñan un papel fundamental de acompañamento e transformación.

Winnie Byanyima (Directora Executiva de ONUSIDA e Subsecretaria Xeral das Nacións Unidas

Compromiso renovado e a mirada posta en París 2028

A conferencia pechouse coa lectura do “Compromiso de Nairobi”, unha folla de ruta para os vindeiros anos coa que as organizacións internacionais reafirman a súa vontade de colaborar estreitamente e co-construír solucións xunto coas persoas e familias.

Ademais, no acto de clausura anunciouse oficialmente o relevo: a vindeira Conferencia Mundial terá lugar en París en 2028, coincidindo ademais co centenario da Federación, e desenvolverase baixo o lema “Solidarité: Transitioning to Inclusive and Collective Futures”.

Dende o Colexio volvemos de Nairobi coa batería cargada, novas ideas na axenda e a confirmación de que o traballo social, tanto a nivel local como global, é unha ferramenta imprescindible para a construción de sociedades máis xustas e resilientes.

🔗 Podes ler o comunicado oficial de conclusións da IFSW premendo nesta ligazón: SWSD 2026 Conference in Nairobi Concludes.

 

Outro dos momentos clave do encontro foi o traspaso de poderes na dirección global da organización. A conferencia serviu de escenario para despedir con gratitude e recoñecemento a Joachim Mumba, o ata agora presidente saínte da IFSW. No seu lugar, o liderado internacional asúmeo a partir de agora a filipina Eva Ponce de León, quen foi presentada oficialmente como a nova presidenta electa da federación. Un fito que abre unha nova etapa de compromiso na procura desa axenda común para os futuros sostibles.

David Gontán, Kenia Batista (presidenta de la FITS para Latinoamérica y el Caribe), Rosario Capelo, Joachim Mumba (presidente saínte da FITS) e Eva Ponce (Nova Presidenta da FITS)

 

O noso paso por Nairobi non só nos deixou grandes aprendizaxes teóricas, senón tamén a oportunidade de tecer alianzas e coñecer a profesionais extraordinarios de recunchos do planeta moi diversos.

Por iso, a partir de agora,  no noso blog, tamén iremos presentando a moitas das persoas e proxectos que coñecemos na conferencia. Queremos achegar as súas realidades, os seus desafíos e a súa forma de entender o traballo social en diferentes culturas.