O Colexio de Traballo Social esixe a vacinación urxente para as Traballadoras sociais
Data: Abril 23, 2024
Autor: admin
  • O COTSG enviou unha misiva neste sentido tanto á FEGAMP como ás consellerías de Sanidade e Política Social da Xunta de Galicia
  • Recordan que o exercicio do Traballo Social presupón períodos de contacto prolongado con terceiras persoas

Redacción 10-02-21.- O Colexio de Traballo Social de Galicia (COTSG) vén de enviar unha misiva á Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP) e ás consellerías de Sanidade e Política Social da Xunta na que esixe a vacinación con carácter inmediato das traballadoras sociais que exercen a súa profesión en contacto prolongado e directo coas persoas usuarias deste tipo de servizos. O COTSG recorda no texto, asinado pola presidenta da súa Xunta de Goberno, Miriam Rodríguez Sierra, que este persoal soporta “riscos significativos e cargas adicionais” no contexto do combate contra a pandemia de COVID-19, salvagardando a saúde das persoas e “arriscando a súa propia”. Este labor esencial realízase, segundo recordan dende o COTSG, en períodos de contacto prolongado con terceiras persoas, multiplicando o risco de contraer e contaxiar unha enfermidade como a COVID-19.

Dende o Colexio recordan que o Plan Galego de Vacinación fronte ao SARS-COV-2 establece a orde de prioridade dos grupos de poboación á hora de recibir a vacina, e faino logo de avaliar criterios como o risco de exposición, transmisión ou doenza grave. Tamén o Ministerio de Sanidade recomenda, na 2ª actualización da Estratexia de Vacinación que publicou a fins de xaneiro, seguir coa vacinación do persoal sociosanitario e sanitario.

Servizo esencial

O Traballo Social, tal como lembra o COTSG na misiva, está recoñecido dende marzo do ano pasado -na Orde SND/295/200- como esencial en todo o territorio español, ao ser necesario para o mantemento de funcións de benestar social básicas. Con base no principio de reciprocidade, debido ao labor básico que as e os traballadores sociais desempeñaron na resposta á pandemia, o COTSG entende que a vacinación prioritaria está plenamente xustificada.