MANIFESTO DE APOIO AO PERSOAL TÉCNICO DE SERVIZOS SOCIAIS
Data: Abril 23, 2026

Compartimos con vos un manifesto que traballadoras sociais da Xunta de Galicia, están facendo circular para recabar apoios. Para asinalo seguide o enlace que aparece ao final.

As persoas abaixo asinantes queremos expresar o noso apoio ao persoal técnico das escalas facultativas de Servizos Sociais da Xunta de Galicia ante a situación que está a atravesar en relación co actual concurso de traslados e coa súa carreira profesional.

Este colectivo, formado por psicólogas e traballadoras sociais, constitúe un dos grupos con maior formación e experiencia acumulada ao longo de anos de traballo directo con colectivos vulnerables. A pesar diso, levan anos vendo limitado o seu dereito á mobilidade, con casos de ata 18 anos sen posibilidade real de traslado debido a erros na xestión da Administración e á retirada de prazas por sentenzas xudiciais.

A situación é especialmente grave en ámbitos como o IMELGA e os xulgados de menores, onde prazas de alta responsabilidade foron adxudicadas sen concurso público. Todo isto repercute nunha sobrecarga estrutural e afecta á calidade da atención prestada á cidadanía.

Peticións

Por todo o exposto, as persoas asinantes solicitamos:

  • A adopción de solucións urxentes, xustas e eficaces por parte da Xunta de Galicia.

  • A duplicación das prazas afectadas como medida de reparación viable xa aplicada noutras ocasións.

  • Un sistema de provisión de postos transparente e equitativo.

  • A defensa duns servizos públicos dignos.

ENLACE